O Pontevedra afúndese en Soria (2-0)

Pontevedra
15 de setembro 2024

Preocupante imaxe a mostrada polo Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Soria. O conxunto granate concedeu os dous únicos goles no primeiro tempo debido a erros defensivos e, pese ao intento de reacción na segunda metade, foi incapaz de importunar a meta dun Numancia cómodo que non viu perigar o resultado  

Partido entre Numancia e Pontevedra nos Pajaritos
Partido entre Numancia e Pontevedra nos Pajaritos / Pontevedra CF

Preocupante imaxe a mostrada polo Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Soria. O conxunto granate concedeu os dous únicos goles no primeiro tempo debido a erros defensivos e, pese ao intento de reacción na segunda metade, foi incapaz de importunar a meta dun Numancia cómodo que non viu perigar o resultado.

De feito, foi o Numancia comezou dominando o partido, mentres o Pontevedra, cunha defensa desorganizada, concedía dúas claras oportunidades que salvou Edu Sousa.

Parecía que co paso dos minutos os granates reaccionaban, liderados por un Chiqui moi activo que botaba o equipo ás costas un domingo máis. Foi só un espellismo. O cadro local volveu tomar o control e, antes do minuto 15, abriu o marcador tras un córner mal defendido. Un malentendido entre Mario Gómez e Edu Sousa permitiu que Christian Dieste marcase de cabeza, deixando patentes as carencias defensivas do Pontevedra.

Lonxe de dar un paso adiante, o equipo de Yago Iglesias seguiu con problemas, incapaz de facerse co control do balón e penalizado polos constantes erros nos pases. Unicamente pasada a media hora pisaba área rival, aínda que sen apenas perigo para Kudakovsky. A ocasión máis clara chegou tras unha combinación entre Chiqui e Álex pola banda esquerda e que De Frutos enviou a córner. Garay cazou a segunda xogada ao bordo da área, pero o seu chute foise moi desviado.

Parecía que o Pontevedra chegaría ao descanso con mellores sensacións e opcións de remontar, pero no tempo engadido todo viu abaixo. Rubén Sanchidrián desbordou a dous defensores, cambiou o xogo cun pase da morte e Aitor Seguín apareceu na área para enviar o balón á rede e facer o 2-0 co que pechou a primeira metade e complicou aínda máis o panorama para os granates.

Na segunda parte, os de Lérez seguiron tímidos mostrando pouca contundencia. Iago Novo e Garay tentaron inquietar ao comezo, e Chiqui fixo o propio no 55 cun disparo frouxo que atallou Kudakovsky sen dificultade.

Si que daba a sensación de que o Pontevedra se apropiou da posesión (ou quizá foi o Numancia o que a cedeu ao sentirse cómodo co resultado)... En calquera caso, as carencias dos de Yago seguiron sendo evidentes e as opcións de marcar, aínda que fose un solitario gol, parecían practicamente inexistentes.

Pasada a hora de xogo, Chiqui tivo nas súas botas unha boa ocasión cun disparo que marchou lixeiramente alto e, pouco despois, o tecnico granate axitou o banco, introducindo a Charly para reforzar o ataque con Rufo. Aínda que o cambio mellorou algo a situación, o Pontevedra seguía sen concretar. Primeiro, o gardameta do Numancia sacou sobre a liña un remate de Garay, e despois o chute de Charly foise lambendo o poste.

É certo que o equipo lerezano apenas sufriu en defensa nesta segunda metade, pero o rendemento en ataque foi practicamente nulo. O tempo esgotouse e sacar algo positivo de Soria converteuse en tarefa imposible.

CD NUMANCIA (2): Kudakovsky, Gexan, Bonilla, De Frutos, Diego Royo, Moustapha, Sanchidrián (Cristian Delgado, min. 90), Alain Ribeiro (Grande, min. 90), David Sanz (Rementería, min. 73), Seguín (Góngora, min. 60), Christian Dieste (Jony, min. 73) e Aitor Cale.

PONTEVEDRA CF (0): Edu Sousa, Churre, Mario Gómez (Cambil, min. 90), Álex González, Iago Novo, Rufo (Rares, min. 75) Yelko (Charly, min. 67), Chiqui, Samu Mayo, Dalisson (Igor, min. 75) e Garay.

Goles: 1-0, Christian Dieste, min. 12. 2-0, Aitor Seguín, min. 45+3.

Árbitro: Alberto Martín Hernández, auxiliado en bandas por Alejandro Casanova López e Mario Sánchez Sancho (Aragón). Amoestou a Ribeiro (53'), Renetería (75') no Numancia e a Yelko (20') e Dalisson (31') no Pontevedra.

Incidencias: Partido da xornada 3 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Nuevo Los Pajaritos. David José Pineda, medalla de prata nos 400 metros dos Xogos Paralímpicos de París 2024, efectuou o saque de honra do partido.