O Pontevedra abóase a sufrir pero remonta na prórroga ao Manzanares (2-0) e segue na loita polo ascenso

Pontevedra
13 de xuño 2015

Sufrimento e incerteza ata o último momento. O Pontevedra tivo que recorrer á prórroga ata conseguir remontar a eliminatoria e deixar na cuneta ao Manzanares, para meterse na última e definitiva rolda polo ascenso. A falta de acerto na definición das numerosas ocasións das que dispuxo o equipo granate foi de novo un lastre para o equipo

Celebración do primeiro gol do Pontevedra ante o Manzanares
Celebración do primeiro gol do Pontevedra ante o Manzanares / Diego Torrado
Declaracións de Luisito tras eliminar o Manzanares /

Sufrimento e incerteza ata o último momento. O Pontevedra tivo que recorrer á prórroga ata conseguir remontar a eliminatoria e deixar na cuneta ao Manzanares, para meterse na última e definitiva rolda polo ascenso.

A falta de acerto na definición das numerosas ocasións das que dispuxo o equipo granate foi de novo un lastre para o equipo que, a pesar deses erros, o deu todo conseguindo unha moi xusta aínda que cara vitoria, xa que perde por tarxetas para o primeiro partido da eliminatoria final a Jacobo e Kevin Presa.

Os comezos do partido deixaron ben claro que nada tiña que ver coa eliminatoria anterior fronte ao Mensajero. Favorecido pola rapidez do cesped, mollado pola chuvia, o ritmo era alto. O Manzanares comezou valente, intentando non se encerrar atrás mentres o Pontevedra asumía o seu papel de intentar levar o peso do partido.

Unha ocasión por bando nos primeiros minutos. A primeira para Pablo Carnero rematou no lateral da rede. A seguinte moito máis clara foi para os visitantes. Tívoa Santana, que fixo tremer Pasarón ao plantarse só ante Edu. O meta local salvou cos pés e un suspiro percorreu a bancada.

Pasaran tan só tres minutos. Logo o Pontevedra intentouno a través dos seus centrais en accións a balón parado. Capi encontrouse con Rodri, que detivo con apuros o seu remate de cabeza, mentres Pablo mandaba o balón fóra.

Respondeu o once castelán-manchego cun disparo de Sevilla dende a frontal, que Edu mandou a corner. Era o minuto 24 e a partir de aí o campo empezou a inclinarse a favor dos de Luisito, que especialmente nos últimos cinco minutos dispuxeron de tres ocasións claras e de novo encontráronse cun árbitro pitoño.

Jacobo foi derrubado na área, ao anticiparse a Edu Olivares, minuto 40. Era penalti. O colexiado non sinalou nada ante o enfado da bancada. Os granates seguían acumulando falta de eficicacia ante o gol, pero tamén graves erros arbitrais en partidos clave.

Logo tívoa Pablo Carnero, minuto 42, pero mandou arriba unha boa deixada de Jorge. E aínda habería unha última para Jacobo. O seu remate á media volta detívoo Rodri.

Poucos segundos transcorreran da segunda parte cando o Pontevedra volve dar mostras da súa pelexa co gol. Jacobo volve ser derrubado dentro da área por Edu Olivares. Mesmos protagonistas, pero agora o árbitro si viu a cambadela e sinalou en punto de penalti. Jorge encargouse do lanzamento, pero mandou o balón fóra, á esquerda de Rodri, ante a desilusión da bancada.

Pero o mesmo Jorge se sacaría a espiña pouco despois. Corría o minuto 56 cando Pablo Carnero inventa un pase xenial ás costas da defensa. Jorge recólleo e bate media altura a Rodri, igualando a eliminatoria.

Co Manzanares tocado o Pontevedra non soubo rematalo. Unha gran xogada de Jacobo remata cun disparo que sae rozando o longueiro, minuto 58. Catro despois o mesmo Jacobo lanza un corner e o remate de Campillo sácao baixo paus e cos pés o meta visitante.

Pero mentres Luisito tardaba en facer cambios Guillermo Alcázar movía o banco conseguindo nivelar o xogo. Da man dun fenomenal Pirri, o Manzanares fíxose co centro do campo, sacudíndose o dominio granate. Certo que os locais non permitiron nin unha soa ocasión de gol, pero o temor se apoderou dunha bancada que vía ao seu equipo dando mostras de debilidade.

Pero refíxose o Pontevedra e puido evitar a prórroga no minuto 90. O disparo de Pablo Carnero foise á cruceta e rematou fóra. De novo había que recorrer ao tempo suplementario para decidir a eliminatoria. Os granates perdoaran, fieis á liña que levan en todo o play-off.

E se tras fallar o penalti Jorge tivo a ocasión de desquitarse, o mesmo lle pasou a Pablo Carnero, que aproveitou un centro do mesmo Jorge, minuto 96, para baixar o balón co peito, ao bordo da área de meta e con tranquilidade bater a Rodri.

A remontada estaba conseguida. Quedaba sentenciar ou aguantar a presumible presión visitante. Pablo Carnero tivo nas súas botas esa sentenza. Rematou fóra un gran centro de Anxo e logo non chegou a outro balón centrado por Jorge que se paseou pola área.

O Manzanares intentou irse arriba á desesperada na segunda parte da prórroga, deixando ao descuberto as súas carencias ofensivas. O Pontevedra aproveitouno para volver ter dúas ocasións enormes, rematadas como tantas outras, en desacerto na finalización. En ambos os dous caso nas botas de Tomás, minuto 105 e 111. A primeira tras unha peiteada de Pablo Carnero que lle deixou en man a man con Rodri. Mandou o balón aos pés do porteiro. A segunda nunha contra na que elixiu mal e rematou caendo na área cando Jorge estaba só para empurrar.

Ao final, con sufrimento polo incerto do marcador, máis que polo xogo do rival, o Pontevedra conseguiu o obxectivo e estará no bombo o próximo luns para afrontar a definitiva final polo ascenso.

PONTEVEDRA CF (2): Edu (2); Campillo (2), Pablo (2), Capi (2), Anxo (2); Tubo (2), Kevin Presa (2), Mouriño (1), Jacobo (3); Pablo Carnero (3) e Jorge (3).

Substitucións: Tomás (1) por Tubo, minuto 82. Centrón (s.c.) por Jacobo, minuto 106. Pedro García (s.c.) por Pablo Carnero, minuto 112.

MANZANARES CF (0): Rodri (3); Edu Olivares (1), Saavedra (1), Juampe (1), Carlos Olivares (1); Pirri (3), José Carlos (2); Santana (1), Martín (1), Sevilla (2) e Carlos Arroyo (1).

Substitucións: Jesús Villar (1) por Santana, minuto 61. Moraga (1) por Carlos Arroyo, minuto 64. Kevin (1) por Edu Olivares, minuto 97.

Árbitro: Eduardo Rodríguez García (Asturias), auxiliado nas bandas por Guillermo Cano Fernández e Andrés Díaz Fonseca. Amoestou a Jacobo, Kevin Presa, Pablo e Edu, polo Pontevedra, e a Jesús Villar, Juanpe e José Carlos, polo Manzanares.

Goles: (1-0) Minuto 56: Jorge. (2-0) Minuto 96: Pablo Carnero.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido de "volta" da eliminatoria de semifinais polo ascenso a Segunda División B. Uns 7.500 espectadores. Moitas caras coñecidas no Palco presidencial, entre elas os exxogadores granates Ígor e Yuri, e o exporteiro do Real Madrid, Diego López. Durante a celebración do primeiro gol do Pontevedra un valo de Fondo Norte cedeu tendo que ser atendidos polas asistencias dous espectadores.