O Poio Pescamar segue vivo na pelea polo playoff tras unha traballada vitoria sobre o colista (4-2)

Poio
05 de xuño 2022

As vermellas adiantáronse no marcador pero o conxunto visitante remontou e as de Cossío tiveron que empregarse a fondo para darlle a volta ao marcador nos minutos finais

Partido de liga entre Poio Pescamar e Elche
Partido de liga entre Poio Pescamar e Elche / Cristina Sáiz

O Poio Pescamar conseguiu esta mañá de domingo unha vitoria vital para manterse vivo na carreira polos postos que dan acceso á final four polo título de liga, que se decidirá a próxima semana no a última xornada da fase regular.

As vermellas tiveron que empregarse a fondo para dobregar ao pechacancelas e xa descendido Juventut d' Elx, que estivo a piques de provocar un severo desgusto na parroquia poiense no último partido do curso das conserveiras como locais. 

O encontro empezou con máis de media hora de atraso por un problema no voo das alacantinas, pero cando o balón comezou a rodar o Poio Pescamar fixo valer a súa superioridade técnica cun tanto de Dani Sousa, que culminou en boca de gol un centro desde a esquerda de Jane.

As locais seguiron traballando en busca do tanto da tranquilidade, pero a súa falta de claridade na definición era un lastre. E tras o paso por vestiarios, a renda esfumouse. Carol aproveitou un balón solto na frontal da área para igualar o envite cun potente disparo. A desgraza non quedou aí porque minutos máis tarde Claudia logrou darlle a volta ao marcador e complicarlle a vida ao conxunto dirixido por Manu Cossío

Cos tres puntos perdidos, o Poio Pescamar recuperou o pulso e comezou a vivir no campo contrario. Grazas a ese dominio chegou o tanto da igualada por medio de Chiesa. E a dez minutos para o final, Luci anotou o tanto da vitoria tras unha vertixinosa combinación ofensiva, entre Dani Sousa, Jane e e a autora do tanto, que empuxou o balón á rede no segundo pau.

O tanto que certificou a vitoria chegou nos minutos finais do partido e co cadro visitante xogando sen porteiro en busca do empate. Así, de novo Luci aumentou a súa conta particular ao introducir nunha portería desprotexida un balón repelido polo pau tras un lanzamento desde o seu propio campo de Jane. 

POIO PESCAMAR: Caridad; Irene, Luci, Ana Rivera e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Chiesa, Dupuy, Anna Escribano, Martita e Jane.

JOVENTUT D’ELX: Raquel; Cárol, Peque, Morote e Claudia (quinteto inicial). Tamén xogaron, Judit, Poveda, Eli, Bet, Paula, Nanna e Romina.  

Goles: 1-0, min. 8 Dani Sousa, 1-1, min. 21 Cárol, 1-2, min. 25 Claudia, 2-2, min. 27 Chiesa, 3-2, min. 30 Luci, 4-2, min. 38 Luci

Árbitros: Daniel Dacal Deza e Marcos Perez Rodríguez amoestaron a Claudia e Paula no Joventut D’Elx.

Incidencias: Partido correspondente á vixésimo novena xornada de liga disputado no pavillón da Seca, en Poio