O Poio Pescamar regala un empate ante o Burela nos instantes finais (3-3)

Poio
14 de xaneiro 2023

Chegaban á cita igualados a puntos e así finalizarán a primeira volta tras un intenso encontro no que ambos os equipos demostraron un alto nivel  

Partido entre Burela e Poio Pescamar
Partido entre Burela e Poio Pescamar / Burela FS

O Poio Pescamar regalou un empate na súa visita ao Burela nos instantes finais despois de ir gañando 1-3 no derbi galego. Chegaban á cita igualados a puntos e así finalizarán a primeira volta tras un intenso encontro no que ambos os equipos demostraron un alto nivel.

Empezou o encontro cun gol temperán de Cilene, que adiantou ao Burela no minuto 3 cun potente disparo desde a frontal tras aproveitar un erro na saída de balón das vermellas.

Con Irene Samper tentaban as locais ampliar a súa vantaxe, mentres Dani Sousa facía o propio para o Poio aínda que sen atopar o seu ansiado premio. 

Alcanzouse o ecuador do primeiro acto e chegou o tanto do empate con Laura Uña aproveitando un pase de Luci co que facía o 1-1.

Replicó ao momento Emily Marcondes para o Burela, e Luci, pouco despois, remataba demasiado alto un envío de Dani Sousa co que puideron poñerse por diante.

E conseguírono ao fío do descanso. Nunha boa presión, Rocío rouboulle a carteira a Cilene e cedeu a Luci para que anotase o 1-2 co que se alcanzou o descanso.

Despois do intermedio as ocasións de Dany Sousa foron as protagonistas, unha delas estrelándose na cruceta. Pero foi nunha boa combinación entre Luci, Laura e Irene García cando chegou o terceiro das conserveiras cun disparo desta última.

Co marcador en contra cando aínda quedaban 10 minutos para a conclusión, o Burela optou polo xogo de cinco con Patricia como porteira xogadora.

Tentouno en repetidas ocasións, pero non foi ata os instantes finais cando chegaron os goles. Necesitou tan só dous minutos o cadro laranxa, primeiro cun remate de Jenny desde a frontal tras unha falta de Cilene e logo con Dany, que aproveitou un erro entre Sousa e Sandra Buzón.

Aínda quedaban 3 mitutos para a conclusión e o Poio tamén optou por alternar o xogo de cinco con Laura Uña en busca dunha vitoria que deixaran escapar.

E tanto Burela como Poio Pescamar puideron levar os tres puntos dun dos derbis máis igualados que se lembran ata a data.

BURELA FS (3): Jozi; Cilene, Antía, Patricia e Emilly Marcondes (quinteto inicial). Tamén xogaron, Jenny, Dany e Irene Samper.

POIO PESCAMAR (3) Sandra Buzón; Marta Peñalver, Dani Sousa, Martita e Luci (quinteto inicial). Tamén xogaron, Laura Uña, Rocío, Elena Aragón, Anna Escribano e Irene García.

Incidencias: Vista Alegre. Colexiados, García Schmid e López López. Amoestaron a Anna Escribano no Poio, a Patricia no Burela, e con vermella o técnico Julio Delgado para o Burela.

Goles: 1-0, min. 3  Cilene. 1-1, min. 10 Laura Uña. 1-2, min. 19 Luci. 1-3, min. 26 Irene García. 2-3, min. 35 Jenny. 3-3, min. 37 Dany.