O Poio Pescamar recibe o Cidade das Burgas ao asexo da cuarta praza

Poio
22 de novembro 2019

As vermellas buscan a súa terceira vitoria consecutiva en liga para achegarse aos postos de play-off. O encontro na Seca, este sábado desde as 18:30 horas

Raúl Jiménez, nun adestramento do Poio Pescamar
Raúl Jiménez, nun adestramento do Poio Pescamar / Mónica Patxot

O Pavillón Municipal da Seca será escenario este sábado dun importante partido para o Poio Pescamar, que recibe nun novo derbi autonómico ao Cidade das Burgas.

O conxunto vermello busca a súa terceira vitoria consecutiva para seguir na súa escalada de posicións recortando distancia coa cuarta posición, a última que dá dereito a xogar o play-off polo título.

Actualmente as xogadoras adestradas por Raúl Jiménez son quintas a 3 puntos do obxectivo, unha praza que marca un Alcorcón que presenta esta fin de semana un complicado duelo directo ante o Ourense Envialia, terceiro da táboa.

O rival na Seca será un Cidade das Burgas en horas baixas, que acumula 9 xornadas sen gañar (non o fai desde a primeira xornada de liga) e que é penúltimo con 4 puntos.

O encontro dará comezo ás 18:30 horas coas cámaras da TVG como testemuña.