O Poio Pescamar ponse en marcha co reto de seguir elevando o seu teito: "Creo que se pode mellorar"

Poio
07 de agosto 2023

Nova tempada e novos retos para o Poio Pescamar, que aspira a consolidarse este curso entre os mellores equipos do país. O equipo adestrado por Luís López-Tulla regresou este luns ao traballo na Seca coa presenza de dúas das súas tres fichaxes estivais e unha xogadora lesionada, Anna Escribano 

Primeiro adestramento do Poio Pescamar 23-24
Primeiro adestramento do Poio Pescamar 23-24 / PontevedraViva

É difícil, pero non imposible. O Poio Pescamar iniciou este luns 7 de agosto unha nova tempada co regreso do seu primeiro plantel aos adestramentos, e fíxoo co reto de mellorar o conseguido o pasado curso, seguir elevando o seu teito histórico.

Un segundo posto na liga regular é un listón alto "pero creo que se pode mellorar", sinala ambicioso o técnico por segundo ano do cadro conserveiro, Luís López-Tulla.

"O reto grande é tentar estar en máis competicións, como a Supercopa, ou competir en Copa da Raíña", explica sen apartar a vista do play-off polo título de liga no que esperan repetir presenza.

Para iso o equipo rojillo pechou tres fichaxes estivais, cos regresos de Ale de Paz e Lara Balseiro e a contratación da pivote brasileira Karina Pelé, única ausente na primeira sesión da pretempada.

En todo caso "estamos a mirar para ampliar aínda un pouco máis o plantel", recoñece o preparador do Poio Pescamar, unha necesidade que responde tamén á lesión dunha das xogadoras do equipo, Anna Escribano, que estará varios meses afastada das pistas.

O cadro da Seca ten agora máis dun mes por diante para chegar na mellor forma posible ao comezo da competición ligueira, previsto para o 16 de setembro, cunha pretempada que incluirá cinco compromisos de preparación.

Ademais das futbolistas do primeiro plantel completan os adestramentos catro xogadoras da canteira: Sofía, Iria, Nerea e Ainhoa.