O vixente campión da Copa Galicia Feminina de Fútbol sala, o Poio Pescamar, defenderá este domingo (19:00 horas) o seu título na gran final da competición que se celebrará en Marín.
O pavillón da Raña viviu xa este sábado un gran ambiente nas semifinais da competición autonómica, na que o Poio Pescamar non deu opción á sorpresa ao superar con contundencia ao Cidade das Burgas.
As vermellas adiantáronse, nun inicio fulgurante, no minuto 2 de xogo cun gol de Jenny Lores, e non cederon o mando en todo o encontro. Ceci, dun gran disparo, fixo o segundo no minuto 5, e aínda que o cadro ourensán tentou reaccionar e recortou distancias cun tanto de Amelia, dous goles consecutivos de novo de Jenny e Ceci puxeron as cousas no seu sitio aos 11 minutos.
O Poio Pescamar non afrouxou e ampliou a súa distancia co quinto antes do descanso, e por se o Cidade das Burgas tentaba meterse de novo no duelo repetiu ao comezo do segundo acto dando por terra ás esperanzas das de Ourense.
Desde aí e ata o final o equipo vermello limitouse a controlar o xogo evitando calquera susto que puxese en perigo o seu pase á final do domingo. Así o Cidade anotou primeiro e despois, cun gol en propia meta, as xogadoras adestradas por Marcio Santos puxeron o 2-7 final no electrónico.
No choque polo título de campión da XII Copa Galicia, o Poio Pescamar terá como rival ao Burela Pescados Rubén, actual cuarto clasificado da liga na Primeira División e que superou, non sen dificultade, na súa semifinal ao Ourense Envialia remontando o tanto inicial de Luci nos primeiros minutos de xogo.