O Poio Pescamar métese na final da Copa Galicia tras superar o Cidade das Burgas (3-2)

Poio
07 de abril 2022

As vermellas repuxéronse ao bo inicio ourensán, igualando a eliminatoria, e terminaron impoñéndose para acceder á gran final, na que se medirán ao Ourense Envialia

Un partido entre Poio Pescamar e Cidade das Burgas na Seca (Arquivo)
Un partido entre Poio Pescamar e Cidade das Burgas na Seca (Arquivo) / Cristina Saiz

A final da Copa Galicia espera o Poio Pescamar despois de superar este mércores na volta das semifinais o Cidade das Burgas na Seca (3-2).

O conxunto vermello pelexará polo seu terceiro título autonómico fronte ao Ourense Envialia, que deixou na cuneta ao Pescados Rubén Burela, aínda que tivo que empregarse a fondo para pasar de rolda.

As xogadoras adestradas por Manu Cossío chegaron ao partido coa vantaxe de 1-2 conseguida na ida, pero nun bo inicio o Cidade das Burgas chegou a igualar a eliminatoria.

No primeiro minuto de xogo as visitantes tomaban vantaxe cun gol de Kiko, neutralizado pouco despois co empate de Ana Rivera cunha potente volea. Era un encontro aberto e as de As Burgas aos 8 minutos poñían o 1-2 por medio de Aroa.

Empezaba un novo partido, probando incluso o cadro ourensán o ataque de cinco coa súa gardameta Ana Lastra, pero o Poio Pescamar conseguiu refacerse para voltear de novo a eliminatoria ao seu favor antes do descanso.

Cun par de minutos de diferenza Agostina empataba primeiro nun saque de esquina, Irene atopábase co traveseiro e Luci, de novo en estratexia, poñía o 3-2 cun disparo desde fóra da área.

Co 3-2 chegábase ao descanso, un resultado que xa non se movería a pesar das ocasións da segunda metade, e de apostar a falta de 8 minutos o Cidade das Burgas polo xogo de cinco. Defendeuse con orde e acerto o Poio conseguindo o premio de acceder á final.