O Poio Pescamar entra con forza no mercado de fichaxes coa incorporación dunha das mellores xogadoras da liga. Cunha dilatada traxectoria na máxima categoría do fútbol sala nacional, Andrea Feijóo cambiará a camiseta do Majadahonda pola vermella do cadro conserveiro, que a considera capaz de liderar ao equipo e levalo ao seguinte nivel. A pesar de que o seu xa antigo club non completou unha boa tempada, a ala pivot ourensá foi unha das xogadoras máis destacadas. Os 21 goles anotados sitúana no top 5 de máximas realizadoras da liga e levárona a ser unha das fixas nas convocatorias da Selección Española.
Antes de alistarse nas filas do Poio, Andrea Feijóo defendeu as cores do Majadahonda, Alcorcón, Lacturale, Valladolid e Ourense Envialia, co que debutou na primeira división. "Será unha das fichaxes top desta tempada", dixo sobre ela o presidente do club, Juanjo García.
Desde a directiva do conxunto vermello prevén un verán moi movido tanto no capítulo de altas como o de baixas, que esperan que se peche coa confección dun plantel aínda máis competitivo que a da campaña recentemente terminada. A cúpula do club está metida xa de cheo na planificación da próxima tempada e as conversacións para renovar a algunhas xogadoras xa levan varios días en marcha. Sobre este asunto falarán, a finais desta semana, as capitás do primeiro equipo Jenny Lores e Ale de Paz.
NEGOCIACIÓN CON DANI DÍAZ
A continuidade do adestrador do primeiro plantel é un dos obxectivos primordiais da directiva para a próxima tempada. Con este obxectivo, as conversas co principal responsable do corpo técnico, Dani Díaz, comezaron esta semana. Aínda que polo momento non alcanzaron un acordo, a idea do clube é tentar dar continuidade ao proxecto iniciado o curso pasado.