O Poio Pescamar golea o Ourense Envialia para seguir terceiro (1-4)

Poio
14 de maio 2022

O Poio Pescamar afiánzase no terceiro posto da clasificación despois de golear por 1-4 ao Ourense Envialia, rival ao que deberán medirse en tan só tres días na gran final da Copa Xunta que se celebrará en Marín o próximo martes

Partido de Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Ourense Envialia
Partido de Copa da Raíña entre Poio Pescamar e Ourense Envialia / Mónica Patxot

O Poio Pescamar afiánzase no terceiro posto da clasificación despois de golear por 1-4 ao Ourense Envialia, rival ao que deberán medirse en tan só tres días na gran final da Copa Xunta que se celebrará en Marín o próximo martes.

Comezou o partido con aviso do cadro local cun disparo de Laura Uña que parou Caridad aos dous minutos de xogo. A partir de aí, as ocasións fóronse sucedendo para o Envialia, con Marta e Chiky obrigando á gardameta conserveira a empregarse a fondo para manter o marcador a cero. Tamén o tentaron para o Poio Pescamar Agostina, Anna, e Luci, pero ningunha foi capaz de abrir a lata ata case alcanzado o intermedio.

Foi no minuto 18 cando o conxunto conserveiro adiantouse tras unha xogada de estratexia a saque de banda. Iniciou Jane a xogada cara a Ana Rivera, que de volveu cara á súa compañeira para, cun potente disparo raso, superar a unha Vane que nada puido facer.

Xa nos últimos instantes da primeira parte, o Ourense deu un paso adiante en busca do empate, pero Luci desbaratou a xogada rival e serviu a Dani Sousa para bater no man a man á gardameta local e asinar o 0-2 co que se chegou ao descanso. 

O Envialia, mentres tanto, tentaba subir a intensidade na presión nos primeiros compases do segundo acto en busca dun tanto para metelas de cheo no partido, pero era o Poio o que avisaba cun pase envelenado de Ana Rivera que se desviou e acabou tocando o traveseiro e, uns minutos despois, cun disparo de Sousa que se foi fóra tras recoller un balón morto dentro da área.

A que tivo máis acerto foi Anna Escribano, que realizou unha brillante xogada persoal con caño incluído para aloxar o esférico no segundo pau e ampliar a súa renda tras tocar no poste.

Co 0-3 chegou o momento de optar polo xogo de cinco. Jenny Lores colocouse como porteira xogadora, pero nunha rápida acción ofensiva o Poio deixou sentenciado o partido. Dani Sousa enviou a Jane e esta resolveu diante da ex vermella para anotar o 0-4.

Xa nos últimos minutos, o Envialia atopou o seu premio tras unha boa circulación ofensiva que culminou María para asinar o 1-4 co que se alcanzou o final.

OURENSE ENVIALIA (1): Vane; Sara Moreno, Chiky, María Arias e Jenny Lores (quinteto inicial). Tamén xogaron, Marta, Robinha, Sara Moreno, Judith, Naría e Zaide.

POIO PESCAMAR (4): Caridad; Martita, Agostina, Ana Rivera e Dani Sousa (cinco inicial). Tamén xogaron, Ana Rivera, Dupuy, Irene, Agostina Chiesa e Jane.

Goles: 0-1, min. 18 Jane. 0-2, min. 19 Dani Sousa. 0-3, min. 26 Anna Escribano. 0-4, min. 37 Jane. 1-4, min. 39 María.

Incidencias: Pavillón Os Remedios. Colexiados, Rubén Ferrero Carballal e José Manuel Carreira Romero. Amoestaron a Jane no Poio Pescamar.