A afección do Poio Pescamar acudiu este domingo á Seca para presenciar e animar ao seu equipo no cruzamento de presentación antes do inicio da tempada. O último amigable do verán foi contra o Santa Luzia, conxunto que milita na Primeira División portuguesa. Ambos os equipos medíronse no que, a priori, sería un duelo de altura, pero no que pouco puideron facer as visitantes.
Comezaron amodo e con boa letra os dous conxuntos. Evitando arriscar buscando a portería rival, chegaron aos cinco minutos de partido co marcador a ceros. Con todo, non tardarían as locais en agarrar a batuta, facéndose, así, co control. Sería no minuto 8 cando Andrea Feijoo, unha das recentes incorporacións do Poio (entre as máximas goleadoras da liga a pasada tempada), establecería o 1-0. E manterían a súa superioridade ata o final.
Cando faltaba pouco para o descanso, Irene García aumentaría a renda das súas co 2-0. E non quedaría aí. Dous goles máis, un de man de Andrea Feijoo co seu dobrete e outro de Dani Sousa en dobre penalti, mandarían ás 'rojillas' ao vestiario cun cómodo e esmagador 4-0 no peto.
Cabe destacar, ademais, o penalti parado por Cari García, que chegou este verán ao Poio Pescamar para reforzar, xunto a Silvia Aguete, a portería pontevedresa.
A segunda parte, completamente distinta. Despois da goleada do primeiros vinte minutos, as de Raúl Jiménez reduciron marchas, chegando ao minuto 15 do segundo tempo co mesmo marcador que antes do descanso. Nese momento foi cando o míster local solicitou tempo morto para dar aire ás súas. Algo que lles axudou a, pouco despois, anotar, de man da canteirá Inés Mayán, o 5-0 da vitoria.