O Poio Pescamar xa ten novo adestrador. Raúl Jiménez é o elixido para dirixir ao equipo vermello a próxima tempada na máxima categoría do fútbol sala feminino.
Tras a marcha de Dani Díaz, que adestrou ao equipo o curso pasado e decidiu aparcar a súa carreira profesional para centrarse nos seus estudos, a directiva que encabeza Juanjo García dedicou as últimas semanas a rastrexar o mercado ata dar co técnico axeitado. Aínda que naceu en Córdoba, a maior parte da carreira deportiva de Raúl Jimenez, tanto na cancha como nos bancos, está moi ligada a Pontevedra.
Antes de iniciarse como adestrador, formou parte do plantel do Rías Baixas de División de Honra durante tres tempadas. Tras un breve paso por Ceuta, regresou a Pontevedra para ascender a Primeira División co Leis.
No conxunto pontevedrés colgou as zapatillas e agarrou a libreta para dirixir nas últimas campañas ao equipo masculino de Segunda B, primeiro; e ao feminino de Segunda, despois.
"O club deposita moita confianza nel para unha tempada con moitas caras novas", explican desde o Poio Pescamar no mesmo comunicado no que confirman a incorporación de Carlos Santamaría, técnico madrileño que dirixiu ao Móstoles en Primeira División a tempada pasada, como segundo adestrador.