O plantel "máis caro" da era Lupe Murillo encoméndase á Peregrina para lograr "unha permanencia, un playoff ou un ascenso"

Pontevedra
24 de agosto 2022

Directiva, corpo técnico e xogadores do primeiro equipo do Pontevedra participaron este mércores na tradicional ofrenda á Virxe Peregrina nun acto no que a presidenta do club recoñeceu que aínda faltan "algunhas pezas" para pechar o persoal

Ofrenda floral do Pontevedra á Virxe Peregrina antes do iniciar a tempada 2022-2023
Ofrenda floral do Pontevedra á Virxe Peregrina antes do iniciar a tempada 2022-2023 / Cristina Saiz

A tempada está a piques de comezar e como manda a tradición, todos os integrantes do primeiro equipo do Pontevedra CF participaron este mércores na ofrenda floral á Virxe Peregrina, á que se encomendan cada ano para conseguir o obxectivo da tempada. 

"Queremos que a Peregrina nos siga axudando desde onde está. Todo axuda. A sorte axuda, os bos xogadores axudan, a estabilidade axuda e a Virxe Peregrina tamén axuda", declarou a presidenta do club, Lupe Murillo, minutos antes de acceder ao interior do templo pontevedrés, que este ano terá un importante protagonismo nas camisetas do equipo.

A mandataria aproveitou tamén para facer un repaso da pretemporada e as aspiracións do club neste debut na Primeira Federación. "Non me gusta marcarme obxectivos, imos paso a paso. Esta tempada é unha máis, empezámola con ilusión e cando acabe esperamos poder dicir que o conseguimos. Non sei se será a permanencia, un playoff ou un ascenso. O que queremos é unha estabilidade", remarcou Murillo sen querer desvelar cal é a meta do Pontevedra nesta primeira campaña na categoría.

Admitiu tamén a presidenta, que haberá movementos no plantel antes do peche do mercado. "Quedan algunhas pezas, pero non moitas. Está practicamente pechada o plantel", declarou sen precisar se haberá algunha baixa.

Tamén se referiu Murillo á incógnita sobre a adxudicación dos dereitos televisivos. A TVG anunciou por erro que o domingo retransmitirán o debut da granates fronte ao Alcorcón en Pasarón. A presidenta púxose en contacto cos responsables da televisión autonómica e recoñecéronlle que se lles coou, pero "as cousas non pasan por casualidade", dixo a dirixente, quen confía que "nas próximas horas teremos noticias por parte da Federación".

A cobranza polos dereitos de televisión nesta categoría é algo que todos os clubs tiveron en conta á hora de confeccionar os seus orzamentos e as dúbidas sobre as cantidades para percibir pode provocar desaxustes nas contas. Algo que desde as oficinas de Pasarón descartan. "O Pontevedra ten un orzamento estable e sempre pretendemos que non teña uns grandes saltos", explica Murillo, quen recoñeceu tamén que a deste curso "é o plantel máis caro dos últimos anos, pero tamén esperamos ter máis ingresos que os últimos anos", rematou.

O capitán do equipo máis caro do Pontevedra volverá ser unha tempada máis Álex González. "O ano pasado conseguimos o ascenso e xa estamos na categoría que queriamos estar", dixo o extremo cántabro. No vestiario respírase un ambiente de "ilusión" e "ganas" de fronte ao debut contra o Alcorcón, pero tamén de respecto ante uns rivais moi potentes no plano económico e deportivo. "Obviamente os orzamentos axudan a poder asinar xogadores e a moitas cousas, pero nós témonos que plantexar que a un partido podemos competir contra todo o mundo", subliñou o atacante.

Un factor que xoga a favor dos granates é a continuidade de boa parte do bloque que logrou o ascenso. "A continuidade do grupo simplifica moitas cousas á hora de coñecer aos compañeiros e como xoga cada un", admite o capitán, moi satisfeito tamén co traballo de preparación realizado durante a pretemporada. "Chegamos ben, pero iso diránolo a competición. Somos novatos e ver a que altura estamos, pero chegamos en boa forma", puntualiza con cautela.