O Plan Nacional de Tecnificación Deportiva de Waterpolo aterra en Pontevedra

Pontevedra
10 de novembro 2021

Antonio Aparicio e Mirko Blazevic, técnicos da Real Federación Española de Natación, dirixirán este xoves 11 de novembro unha xornada de tecnificación nacional para deportistas galegos no CGTD de Pontevedra

Antonio Aparicio, coordinador nacional de Waterpolo, nunha visita a Pontevedra
Antonio Aparicio, coordinador nacional de Waterpolo, nunha visita a Pontevedra / CW Galaico Pontevedra

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra será escenario este xoves 11 de novembro dunha xornada do Plan Nacional de Tecnificación Deportiva de Waterpolo da Real Federación Española de Natación.

Os adestradores nacionais Antonio Aparicio e Mirko Blazevic serán os encargados de dirixir unha actividade dirixida a un combinado de deportistas galegos en idade cadete.

Primeiro está prevista unha sesión teórica de dúas horas dirixida a técnicos galegos, para despois pasar a unha práctica na piscina dirixida polo balcánico Blazevic.

Á cita están convocados 21 deportistas, entre os que se atopan varios representantes do Waterpolo Pontevedra como os xogadores Mateo Cons, Álvaro Villar, Mateo Amoedo, Rodrigo Sánchez e Enrique González e os adestradores Enrique García e Javi de Sáa.