O piragüismo pontevedrés ponse a proba na Copa do Mundo de Duisburg

Pontevedra
30 de maio 2019

Sergio Vallego e Adrián Sieiro aspiran a lograr un gran resultado en Alemaña no C-2 1.000 metros, pero no equipo nacional tamén figuran outros representantes pontevedreses como Antía Jácome, Natalia García e Teresa Portela

Teresa Portela, durante unha competición
Teresa Portela, durante unha competición / Federación Galega Piragüismo

Importante cita para o piragüismo pontevedrés esta fin de semana en Alemaña, concretamente na localidade de Duisburg, onde se disputa a segunda Copa do Mundo Sprint da tempada.

Nun ano no que se reparten boa parte das prazas olímpicas, os padexeiros da comarca queren reforzar as súas aspiracións e demostrar o seu bo momento de forma.

É o caso por exemplo de Sergio Vallego e Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar), que buscarán as prazas de podio no C-2 1.000 metros. O seu debut producirase este venres 31 de maio en horario de tarde, nunha das series clasificatorias nas que tentarán lograr o primeiro posto para conseguir o pase directo á final do domingo.

Xusto antes (16:36 horas) que eles entrará en competición Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra), coa súa compañeira no C-2 500 metros, Patricia Coco.

Ademais, tamén o venres aínda que xa de mañá, Teresa Portela (Ría de Aldán) participará no K-1 200 metros tentando meterse primeiro nas semifinais do sábado para aspirar despois a estar entre as mellores.

Pola súa banda Natalia García (Breogán do Grove) formará parte do equipo de  K-4 500 metros no que tamén compiten Sara Ouzande, Isabel Contreras e Begoña Lazkano, sen esquecer tamén ao cangués Rodrigo Germade no K-4 500 masculino.

Na Copa do Mundo de Duisburg tomarán parte estes días deportistas de 60 países, contando o equipo nacional cunha ampla representación galega de 12 padeeiros.