O piragüismo pontevedrés marca territorio no arranque do mundial sub 23 de Auronzo, en Italia

Pontevedra
06 de xullo 2023

Os C2 de Martín Jácome e Pablo Crespo e o de Antía Otero e María Moreno logran o pase directo á final, así como o C1 de Crespo, vencedor na semiifinal dos 1000 metros

Pablo Crespo no mundial sub 23 de piragüismo sprint de Italia
Pablo Crespo no mundial sub 23 de piragüismo sprint de Italia / Fegapi

A cidade italiana de Auronzo dei CAdore acolle estes días a disputa do campionato do mundo de piragüismo de categoría júnior e sub 23 no que os padeeiros galegos esperan ter unha elevada cota de protagonismo. Só na primeira xornada de competición, sete integrantes da armada galega lograron clasificarse para as súas finais, das cales tres levan selo pontevedrés.

No C2-1000, os pontevedreses sub 23 Martín Jácome e Pablo Crespo obtiveron unha destacada segunda posición na súa serie de clasificación que os lanzou directamente á final do próximo venres. Así mesmo, a bordo do seu C1, Crespo fíxose co triunfo na semifinal avantaxando en máis de tres segundos ao segundo clasificado e logrando o pasaporte para a regata polas medallas.

O C2 feminino formado por Antía Otero, do EP Ciudad de Pontevedra, e María Moreno tamén se fixo un oco na final grazas a unha extraordinaria serie clasificatoria na proba de 500 metros, distancia que será olímpica en París, que tamén as catapultó directamente á carreira polas medallas.

Ao longo desta xornada de xoves tamén tratarán de clasificarse para as finais Diego Domínguez e Joan Moreno no C2-500 sub 23, así como Martín Jácome e Elena Millan no C2-500 sub 23 mixto.

O venres iniciarán a competición os sub 23 pontevedreses Claudia Couto, na modalidade de C1-200; e Manuel Fontán, no C1-500. O sábado será a quenda das embarcacións de equipo, na que o C4 formado por Claudia Couto, Antía Otero, Valeria Oliveira e María Moreno palearán por unha medalla. O mesmo farán Jaime Duro e Diego Domínguez, acompañados por Daniel Grijalba e Joan Moreno. 

O domingo será a quenda da longa distancia, na que Jaime Duro buscará a gloria na final do C1-5000.