O abismo da Segunda RFEF é cada vez máis real para un Pontevedra Club de Fútbol ao que xa só un milagre pode salvar do descenso, e é que a falta de tres xornadas para o final de liga (9 puntos en xogo) a permanencia está xa a 6 puntos de distancia.
Cando conclúa a competición será tempo de analizar con detalle as causas do desastre deportivo. Non hai só unha, pero entre elas resaltan uns números como visitante que apenas teñen comparación en toda a historia do club granate. De feito hai que remontarse 42 anos para atopar unhas cifras peores lonxe do Estadio Municipal de Pasarón.
Con só un partido máis a domicilio por xogar, na penúltima xornada en Badaxoz, o Pontevedra só sumou esta liga 7 puntos fóra da casa, mercé ao empate en Riazor e os triunfos en Ceuta e Alxeciras. Este último produciuse o 18 de decembro e desde entón todo foron derrotas, ata nove, para un total de 0 de 27 puntos posibles. Nin con Toni Otero nin con Señor no banco se conseguiu sumar. Unha laxa demasiado pesada para poder competir polo obxectivo da permanencia.
Nesta particular clasificación o Fuenlabrada é o segundo peor visitante do grupo I da Primeira RFEF con 9 puntos, seguido do Talavera con 11 puntos e o Badajoz con 13.
Nin sequera o fatídico ano do descenso desde Segundo B a Terceira División (2010/2011) os números foron tan pobres, xa que por aquel entón tamén se gañar vos dous únicos partidos lonxe de Pasarón pero conseguíronse 5 empates para un total de 11 puntos, unha cifra que non se pode xa chegar a conseguir nin sumando os puntos en xogo en Badaxoz.
Tampouco a campaña en Segunda División do curso 04/05, na que se finalizou pechacancelas, o balance é peor, xa que aquel ano foron 17 os puntos conseguidos como visitantre con 4 triunfos e 5 empates, aínda que con dúas saídas máis ao ser unha liga de 22 equipos.
Para atopar outra tempada con só dous triunfos fóra da casa hai que mergullar ata a84/85, nunha liga de dous puntos por vitoria. Aínda así aquela liga con 9 empates lonxe da Boa Vila o balance total foi de 13 puntos.
Así se chega, uns poucos anos antes, ao peor rexistro da historia recente do Pontevedra Club de Fútbol. Foi na 80/81 nunha Segundo B de dous grupos similar ao concepto da actual Primeira RFEF, e na que os granates só sumaron 3 puntos en toda a tempada como visitantes mercé a un só triunfo e un empate (17 derrotas). Foi hai xa 42 anos e tamén supuxo un descenso de categoría.
Como contraste desta situación, o mellor ano de todo este período foi a campaña 14/15, a do ascenso desde Terceira a Segundo B, cando os granates foron o mellor visitante da liga con 39 puntos grazas a 12 vitorias, 3 empates e só 4 derrotas, mentres que na Segunda División B sumáronse 33 puntos no curso 05/06. O día e a noite pensando no panorama actual.