Reforzo "de luxo". Así cualifica o Peixe Galego a contratación que confirmou este xoves, a uns días de enfrontarse a un rival directo como o Igualatorio Cantabria.
O xogador en cuestión é Randy Onwuasor, escolta norteamericano que estaba a defender esta tempada a camiseta doutro rival na Liga LEB Prata, o Zornotza vasco, pero acababa de quedar libre.
O club marinense realizou un esforzo para reforzar as aspiracións do equipo na parte decisiva da tempada, na que se decidirá se pelexa polo ascenso ou por salvar a categoría.
Onwuasor, xogador de 1,91 metros de altura, caracterízase polo seu tiro exterior e polas accións dun contra un. Esta campaña alcanzou 15 puntos e 3 rebotes por partido no Zornotza.
A de Marín será a súa segunda experiencia europea tras completar a súa formación na liga universitaria estadounidense (NCAA) en equipos como o Texas Tech, Southern Utah e o Tigers LSU.