Duro golpe ás aspiracións de permanencia do Peixe Galego na Liga LEB Ouro, ao caer derrotado na prórroga ante un rival pola permanencia, o Calzados Robusta (83-77).
Foi un partido disputado de poder a poder, con dous equipos que sabían que se xogaban máis que un simple triunfo.
Os de Marín foron a remolque grande parte do partido, pero sempre estiveron preto no marcador. Así no primeiro cuarto os locais dominaban por 21-16.
As defensas demostraban estar a máximo nivel no segundo parcial, chegando coa mesma renda ao descanso (35-30).
Todo estaba nun puño e a igualdade era máxima, e así se mantivo ata o inicio do último cuarto (54-48). Foi cando os de Javi Llorente deron un paso á fronte para remontar a súa mínima desvantaxe e nun final de infarto forzar o tempo extra.
Os de Marín funcionaban máis que nunca como un bloque, con catro xogadores en dobres díxitos, como Mugica (13), Miso (15), Derksen (17) e Romero (10), pero non aguantaron o ritmo na prórroga e a maior efectividade local terminou por ser decisiva nos minutos de engadido.
Coa derrota o Peixe Galego, con seis vitorias en liga, ve como se escapa o Calzados Robusta con oito e o average gañado. Por detrás, en descenso, está o Magia Huesca tamén con seis e un Barcelona B que se gaña o domingo empataría e pasaría aos marinenses.
Consulta aquí as estatísticas do Calzados Robusta-Peixe Galego.