Só un par de horas separaron o Peixe Galego do seu obxectivo de formalizar en tempo e forma a súa inscrición na Liga LEB Ouro de baloncesto.
Despois dunhas xornadas frenéticas, en especial as últimas horas, negociando cun patrocinador estranxeiro para poder asumir o custo do aval e a inscrición na segunda categoría nacional, as conversacións chegaran a bo termo, pero faltou tempo.
A Federación Española de Baloncesto (FEB) establecera as 13.00 horas deste venres como data límite para ingresar o primeiro pago dos 36.000 euros correspondentes á inscrición e o aval de 150.000 euros, o verdadeiro escollo para o Peixe.
Finalmente os da Raña entregaron o pagaré coa primeira das cantidades, pero non chegou en prazo ao aval deixando o seu futuro en mans da FEB.
"Hasta última hora de ayer noche estuvimos apretando porque hay un sponsor de Estados Unidos interesado en la plaza, pero va a mandar el dinero sobre las 16:00 horas", recoñeceu a PontevedraViva o directivo do club Luis Santiago.
En concreto este patrocinador é un grupo empresarial representado por un ex-xogador da NBA, e tiña previsto ingresar directamente á FEB os 150.000 euros do aval ao non ser posible polo tempo e a distancia formalizar de maneira áxil o trámite bancario.
A pesar de todo "todavía hay una posibilidad aunque sea tarde", confía Santiago, que pediu unha prórroga á Federación atopando pouca receptividade nos mandatarios federativos.
En contra da continuidade do Peixe Galego en LEB Ouro pesa o interese que ten un club importante na praza na segunda categoría, o FC Barcelona, que pretende conseguir a vacante para a súa filial, actualmente en Prata.
Aínda que a situación é tremendamente complicada, na Raña agárranse a un cravo ardendo, que é "ver lo que decide la comisión gestora" cuxa reunión está prevista para o vindeiro martes 21 de xullo e que é o organismo que analizará a documentación presentada por todos os equipos. Pinta mal para os de Marín, pero ata entón nada pode darse por seguro.