O Peixe Galego métese nas Semifinais da Copa Galicia ao gañar na Raña ao Leyma Coruña (69-63)

Marín
07 de setembro 2019

A vitoria ante os coruñeses causa boas sensacións no equipo de Javi Llorente, que volverase medir ao Leyma durante a tempada en LEB Ouro

Final do primeiro cruce da Copa Galicia entre o Peixe Galego e o Leyma Coruña
Final do primeiro cruce da Copa Galicia entre o Peixe Galego e o Leyma Coruña / Peixe Galego

O Peixe Galego xa empezou a traballar oficialmente. Este sábado disputou o primeiro cruzamento da Copa Galicia. Tocoulles aos de Javi Llorente recibir, na Raña, ao Leyma Coruña, que milita en LEB Ouro, a mesma categoría onde volverá xogar o cadro pontevedrés despois de tres anos pelexando polo regreso.

Ás 20:00 horas comezaba un choque de altura. A bagaxe dos coruñeses, sumado á capacidade anotadora de Joel Hernández (recente incorporación do Peixe; 19 puntos), propiciou que o primeiros dez minutos finalizasen cun marcador moi equilibrado (16-17) a favor dos visitantes. A partir de aí, a balanza inclinouse cara ao lado dos marinenses, que, cun segundo cuarto de 19-15, conseguiron irse ao descanso co partido de fronte (35-32), aínda que non cunha vantaxe suficiente como para relaxarse durante o segundo tempo.

Tras a continuación, o choque continuou coa mesma dinámica que nos minutos anteriores, chegando os de Llorente a gañar unha renda de 17 puntos (57-40) xusto antes de empezar o último tramo do partido. Con todo, comezaron a cometer algúns erros no plano defensivo, que lles penalizaron pouco antes do final, cando os coruñeses conseguían recortar distancias (68-60) e asustar aos locais. Esta situación alongouse ata o bociñazo final, tras o que os de casa celebraron, non só o seu pase ás Semifinais da competición, senón tamén unha primeira vitoria (69-63) que causa moi boas sensacións ante un equipo ao que volverán medirse durante este curso en LEB Oro.