Os protagonistas da Liga LEB Ouro, paralizada indefinidamente pola crise sanitaria do coronavirus, sentaron a negociar cal é a mellor maneira de terminar a tempada.
O Peixe Galego, xunto aos demais 17 clubs que compoñen a segunda categoría do baloncesto nacional, mantiveron este mércores un encontro virtual cos responsables de competición da Federación Española (FEB), no que a orde do día era tratar o futuro da competición.
Con todo neste primeiro encontro non se chegou a un acordo debido ás "diferentes posicións existentes tanto entre os clubs implicados como coa Federación", sinalou a FEB nun comunicado.
O cadro marinense é dos que defende a suspensión definitiva da competición ante o prexuízo económico que supoñería prorrogar os contratos do plantel. Sobre a mesa estaba tamén a medida anunciada por outras federacións de conxelar os descensos de categoría, un extremo que beneficiaría aos da Raña pero que non está decidido.
Ante estas posicións contrarias, a Federación e os clubs fixaron un calendario de próximas reunións nas que tentar pechar un "acordo maioritario que permita resolver a tempada de forma satisfactoria para todos os estamentos do baloncesto español implicados nela", sinala o organismo reitor do baloncesto nacional.