O Pexe viaxou esta fin de semana para medirse a un dos equipos máis complicados da categoría, o CB Almansa (un dos favoritos para o ascenso a LEB Oro). Ademais de chegar a Albacete co fin de mellorar a súa situación na clasificación dos play off, os de Javi Llorente, que foron derrotados por estes o pasado mes de marzo na Raña, pelexaron por facer o seu na pista manchega.
Comezaron moi ben os galegos, que durante a primeira metade do choque conseguiron manterse por diante no marcador. Aínda que seguidos moi de preto polos locais. A vantaxe establecida durante o cuarto inicial (19-22), apoiados, sobre todo, en Vashil Fernández (8 puntos no devandito período), foi perigosamente reducida polos albaceteños nos dez minutos seguintes. Tanto foi así que, a falta de pouco máis dun minuto para o final, chegaron a equilibrar o partido (42-42).
Aínda contando cunha fantástica actuación de Badmus (14 puntos na primeira parte), un tiro fallado por este mesmo e un roubo de balón por parte dos anfitrións condenaron aos pontevedreses a marcharse ao descanso en desvantaxe (45-42). Deixando, así, unha segunda parte moi aberta.
Para desgraza dos visitantes, os seus rivais foron ampliando a renda ao longo do terceiro cuarto. Diversas perdas de balón, cos seus respectivos contraataques por parte dos manchegos, condenaron ao Peixe a encaixar un parcial de 19-6. E mantívose a mesma dinámica no período final, durante o que os galegos non lograron recuperarse. Erros en ataque e, sobre todo, unha defensa que facía augas permitiron aos locais continuar coa batuta do partido nas súas mans.
Finalmente, unha dura derrota para os pontevedreses, que empezaron con moitas posibilidades de sumar unha importante vitoria pero perdéronas polo camiño (81-62).
A próxima semana (sábado 27 de abril), recibirán ao Real Murcia, outro equipo complicado chegado este punto da competición, que, con todo, caeu no partido da primeira volta na súa propia pista.