En plena Semana Santa o Pontevedra négase a perder a fe, e confía en seguir dando batalla por entrar nos postos de honra do Grupo I da Segunda B e, de paso, asegurar a súa presenza na próxima edición da Copa do Rei.
Para iso os granates, quintos a nove puntos do play-off, non poden fallar este xoves na visita (17:00 horas) do pechacancelas, Peña Sport, ao Estadio Municipal de Pasarón, en partido adiantado da xornada 31.
O cadro navarro chega á cidade de Lérez despois de sete derrotas consecutivas e coa permanencia xa moi complicada, a 12 puntos de distancia.
A principal dúbida para Luisito será quen substituirá aos sancionados Campillo, expulsado en Logroño, e Álex Fernández, por acumulación de amoestacións.
Bruno e Pablo son as principais opcións a ocupar o centro da zaga, aínda que tamén pode actuar nesa posición Kevin Presa permitindo a entrada no centro do campo de futbolistas como Pedro García ou Queijeiro, que nas últimas semanas perderan protagonismo no equipo.
Os que tampouco estarán, por seguir recuperándose das súas respectivas lesións musculares, son Capi e Carnero, mentres que o estado físico de Company segue xerando dúbidas e o seu lugar na convocatoria podería ocupalo unha xornada máis Lluis.
O árbitro do encontro será Alejandro Fernández Pérez, do colexio catalán.