O pavillón da Raña acolle a Supercopa de España de Judo

Marín
06 de decembro 2017

A competición, de categoría absoluta, reunirá o vindeiro venres 8 de decembro en Marín a 160 deportistas de 12 autonomías

Presentación da Supercopa de España de Judo
Presentación da Supercopa de España de Judo / Concello de Marín

O vindeiro venres 8 de decembro será unha xornada de judo en Marín, sede da Supercopa de España Absoluta desta modalidade deportiva.

O pavillón marinense da Raña acollerá a competición desde as 9:30 horas da mañá coa presenza de 160 deportistas, representando a 12 autonomías e tamén chegados nalgún caso desde Portugal.

"Para nós é un orgullo poder facelo aquí", sinalou na presentación do evento o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, destacando a súa importancia.

O I Torneo Internacional de Judo Concello de Marín está organizado pola Federación Galega de Judo, o Concello de Marín e a Secretaria Xeral para o Deporte coa colaboración do Club NKL Budo Shop.

Entre os participantes atópanse dous deportistas do Club Dom+ de Marín e un do Judo Club Senín de Vilagarcía, completando a presenza galega a Asociación Deportiva Famu de Vigo, o Club Baixo Miño e o Club Galicia Sur de Vigo.