Hai só uns días, o pasado mércores 11 de marzo, o Concello de Pontevedra notificaba a resolución das subvencións deportivas correspondentes á tempada 17/18, un paso máis cara a saldar a débeda contraída cos clubs da cidade.
Con todo, o que podía entenderse como unha boa noticia tornouse en preocupación desde a entrada en vigor do estado de alerta decretado polo Goberno de España.
"Pillounos xusto isto no proceso de reclamación dos clubs. Xa estaba notificada, pero o decreto do estado de alarma suspende os prazos, polo que o período de reclamación queda aberto no tempo", recoñece o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
O goberno local aprobara estas axudas, por valor de 300.000 euros, para 60 entidades deportivas das 63 presentadas á convocatoria.
Ante esta situación "estamos estudándoo xuridicamente a ver se lle atopamos algunha solución para sortear ese escollo e poder chegar á fase de resolución, que esa si poderiamos facela", sinalou o edil pontevedrés.
A paralización pode afectar tamén as subvencións da tempada 2018/2019 que pretendían publicar proximamente, xa que "necesitamos facer unha modificación de crédito e dotar de 300.000 euros ao servizo de deportes, e no momento que fagas unha modificación de crédito abres un prazo de reclamación e estás na mesma", explicou Fernández.