O Oviedo B prolonga o estado de depresión dun Pontevedra negado de cara ao gol que segue sen gañar no 2020 (0-1)

Pontevedra
16 de febreiro 2020

Os granates completaron unha primeira parte repleta de ocasións para adiantarse no marcador, pero o xogo do equipo sufriu un  bajón no segundo tempo que lle custou a derrota

Partido entre o Pontevedra CF e o Oviedo B en Pasarón
Partido entre o Pontevedra CF e o Oviedo B en Pasarón / Diego Torrado
Rolda de prensa de Carlos Pouso /

O que perdoa paga, o balón non quere entrar. Son tópicos moi manidos nisto do fútbol que poderían aplicarse ao ocorrido este domingo en Pasarón. Pero sería unha lectura demasiado simple dos problemas que atravesa o Pontevedra. Despois dunha primeira parte na que os de Pouso asinaron momentos brillantes pero que volveron pecar de falta de gol, o equipo derrubouse tras o descanso. Carente de xogo e ideas e sen un golpe de temón desde o banco, os locais deambularon durante os segundos 45 minutos ata confirmar unha dolorosa e inesperada derrota que os afunde na metade baixa da clasficación.

Aínda estaban os espectadores tomando asento cando os granates tiveron nas botas de Álex González a opción de adiantarse no marcador. Despois dunha rápida e precisa combinación por banda dereita entre Bustos, Jose García e Rufo, o ariete madrileño puxo un balón franco ao momento de penalti para o extremo cántabro que, só, tivo tempo para controlar, levantar a cabeza e disparar, pero axustou tanto o tiro que se estrelou contra o pau esquerdo da meta defendida por Berto.

Non ía ser a única opción de adiantarse no marcador para o Pontevedra na primeira parte, pero o Oviedo tamén tiña as súas armas e demostrouno na seguinte acción cun pase de Obeng ás costas de Nacho que chegou a controlar Villacañas, pero o seu disparo saíu por encima da meta de Edu.

Consciente de que non debían despistarse nin permitir contragolpes dos asturianos, os de Pouso seguiron ao seu. Non se cumprira o minuto dez de partido cando os locais moveron o balón dunha banda a outra ata deixar o coiro nos pés de Jose García, moi activo movéndose entre liñas inimigas, que dribló ao seu marcador e caeu na área. Pediu penalti tanto el como a bancada, pero Domato Pedreira non o viu.

A balón parado tamén xerou perigo o Pontevedra. Primeiro cunha falta lanzada por Álex Fernández desde a frontal da área que Berto conseguiu deter con apuros e logo cun córner ensaiado posto á media lúa da área onde o mediocentro ourensán cazou unha espectacular volea que ao saír demasiado centrada permitiu ao porteiro rival sacar os puños para despexala.

O partido era un monólogo do Pontevedra que movía o balón ao seu antollo no campo rival, pero unha vez máis volvía pecar de falta de puntería e dun excesivo abuso de centros laterais á cabeza de Rufo, que nunca chegaba a rematar.

E entre tantas ocasións, un córner favorable ao Oviedo B estivo a piques de causar un desgusto aos locais. Sacaron en curto e Riki recolleu o balón no pico da área granate para sacar un forte disparo con rosca con destino á escuadra esquerda do arco de Edu, que voou para sacar unha man milagrosa cando a bancada xa lamentaba o tanto visitante.

Superado o susto e con aínda máis da metade do primeiro tempo por diante, o Pontevedra volveu á carga. Rufo conseguiu por fin conectar un remate de cabeza ao lanzarse en ferro para finalizar un centro de Nacho, que salvou sen problemas Berto. Cinco minutos despois foi de novo o porteiro asturiano o que desbaratou un pase da morte de Álex González. E completou o gardameta visitante o seu estelar primeira parte cun pé salvador a un remate de Álvaro Bustos desde o punto de penalti despois doutra bonita combinación, este vez pola banda esquerda, entre Rufo, Jose García e Eneko.

Pero a boa tarde do gardameta rival estivo a piques de estragarse á media hora de xogo. Cortou o Pontevedra un pase asturiano e Álex González lanzou a contra. Só contra o porteiro, Berto saíu a cortar pero chegou tarde e varreu ao extremo cántabro. Vermella, pediu a bancada, pero o árbitro balear só lle mostroul a amarela. A falta, outra vez lanzada por Fernández, obrigou de novo a intervir ao porteiro que tirou de puños para despexar un balón que se coñlaba polo primeiro pau.

Antes do descanso, ía haber outras dúas oportunidades para romper a igualada. A primeira para Teles, cun disparo axustado desde dentro da área que Edu mandou a corner; e a segunda para Jose García, que disparou con rosca pero o balón saíu a milímetros do pau dereito de Berto.

Como o tempo, o xogo do Pontevedra arrefriouse na segunda parte. Todo o dominio e chegadas claras que protagonizaron os de Pouso no primeiro tempo desapareceron ao comezo do segundo. De feito, foi o filial oventense o que puido adiantarse no marcador aos sete minutos da continuación de non ser pola aparición de Nacho para despexar un centro lateral que Obeng dispoñíase a empuxar no segundo pau.

O Pontevedra non daba sinais de vida e vinte minutos despois o Oviedo B repetiu a xogada. Jorge Mier gañou a liña de fondo e puxo un balón raso ao segundo pau onde, esta vez si, Obeng gañou a partida a Nacho para adiantar aos seus.

A primeira acción de perigo dos locais no segundo tempo chegou no minuto 75 despois dun córner sacado por Álex Fernández que caeu na área pequena nos pés de Jaouad, que tropezou co balón e non logrou rematar. Tentou reaccionar a escuadra granate pero as forzas e a confianza empezaban xa a fallar. Así outra vez Álex Fernández cazou unha volea na frontal que blocó Berto sen problemas e Adighibe, que substituíu a un Pedro Vázquez que aguantou vinte minutos no campo, cabeceou alto un centro lateral.

O Pontevedra ata foi incapaz de invocar esa maxia de Pasarón dos minutos finais que tantos milagres obrou tempo atrás. Os granates nin sequera foron capaces de encerrar a un equipo novato que parecía derrotado na primeira parte, pero que na segunda demostrou ter máis oficio que os granates, que acumulan a súa oitava xornada sen gañar. Pero xa sen sensacións positivas.

Pontevedra CF: Edu; Nacho, Churre, Jaouad, Eneko; Sana (Berrocal, min. 64); Álvaro Bustos, Álex Fernández, Jose García (Pedro Väzquez, min. 59, Adighibe, min. 77), Álex González; Rufo.

Oviedo B: Berto; Jorge Mier, Jose Martínez, Ugarte, Prada, Tarsi, Riki ( Fousseny, min.89), Villacañas (Guerra, min. 57), Obeng, Teles, Javi Cueto (Eloy, min. 72).

Goles: 0-1, min. 70, Obeng

Árbitro: Domato Pedreira (Baleares) amoestou a Sa e Álex Fernández do Pontevedra e a Prada e Berto do Oviedo B

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 do grupo I de Segunda B disputado no estadio municipal de Pasarón ante 2.500 espectadores