O Ourense CF estará arroupado por preto de 300 afeccionados en Pasarón

Pontevedra
19 de abril 2024

O derbi entre Pontevedra e Ourense CF xogarase tamén nas bancadas do Estadio Municipal de Pasarón, con presenza de numerosos afeccionados visitantes. A afección do Ourense estará situada na parte superior do Fondo Sur

Partido entre Ourense CF e Pontevedra en Oira
Partido entre Ourense CF e Pontevedra en Oira / Ourense CF

O decisivo derbi do próximo domingo 21 (17.00 horas) entre Pontevedra e Ourense CF xogarase tamén nas bancadas do Estadio Municipal de Pasarón.

Ademais de esperarse, de longo, a mellor entrada da tempada ante a expectación xerada entre a inchada pontevedresa, a afección visitante tamén estará representada a beiras do Lérez.

O club granate enviou ao seu rival 300 entradas para o choque, ampliando un primeiro paquete de localidades que se vendeu con rapidez entre os seguidores ourensanistas.

Por iso polo menos dous autocares viaxarán desde a Cidade das Burgas para apoiar o seu equipo.

A afección do Ourense CF estará situada na zona superior do Fondo Sur.