É unha pantasma que persegue o Pontevedra Club de Fútbol de maneira recorrente no seu pasado recente, o temor aos campos de céspede artificial nos que se escaparon puntos decisivos ao longo das tempadas.
Con todo non todos os terreos de xogo de herba sintética son iguais, e dos poucos que escapa a esa particular maldición é precisamente o que visitarán o vindeiro domingo 29 (17.00 horas), o Nuevo Ganzábal no que xoga os seus partidos a UP Langreo.
O conxunto asturiano reinaugurou o seu estadio no ano 2006, no que instalou superficie artificial. Desde entón os granates visitárono en tres ocasiones entre Liga e Copa Federación, sen saír derrotados del.
Recoñecía este mesmo mércores Víctor Vázquez 'Churre' que o Ganzábal é "un campo sintético pero grande, no que se pode xogar", e iso tradúcese en mellores resultados para os intereses granates. A pasada campaña de feito enfrontáronse en Asturias na xornada 20 do campionato cun Langreo que aínda non fora derrotado como local. O resultado foi un empate sen goles. Pola súa banda na campaña 21-22, a do ascenso a Primeira RFEF, o Pontevedra venceu alí por 1-2 con dous tantos de Charles, mesmo resultado que o rexistrado en Copa Federación 18-19.
A estes partidos únenselles os disputados en Pasarón, cunha xeira moi positiva para os granates, que non perden ante o Langreo desde a tempada 97-98. Desde entón víronse as caras en 12 ocasións con oito triunfos pontevedreses e catro empates.
Dáse a curiosidade que aínda que non coincidisen moitas veces na mesma competición no que vai de século, a UP Langreo é un dos equipos aos que máis se enfrontou historicamente o Pontevedra Club de Fútbol, compartindo liga entre Segunda División e Segunda B/Segunda RFEF nun total de 21 tempadas, con ata 43 enfrontamentos sumando dous de Copa Federación e cun balance de 20 vitorias granates, 12 empates e 11 triunfos asturianos.