É un dos xogadores favoritos da bancada de Pasarón. O seu compromiso co equipo, co que afronta xa a súa terceira tempada, unido á súa capacidade para regatear e xerar ocasións de gol provoca cada xornada os aplausos dunha afección que espera un gol cada vez que observa a Álex González achegarse á área.
Con todo, esta tempada o seu rol cambiou. Luismi xa non ve ao cántabro unicamente como un atacante, senón como un lateral ofensivo e de longo percorrido. "Desde posicións máis afastadas é capaz de chegar e sorprender desde atrás", destaca o técnico una das virtudes do zurdo.
Nas tres xornadas de liga disputadas ata o momento, González acumula máis minutos como lateral que como extremo. Na súa nova posición xogou 45 minutos na Malata e máis da metade do segundo tempo no último partido fronte ao Sporting B. "Son por situacións apuradas, porque imos por baixo no marcador e temos que ser máis ofensivos", argumenta o preparador vigués.
Con todo, os resultados non poden ser máis prometedores. A dupla no flanco esquerdo que forman Pedro Vázquez e o cántabro é unha ameaza constante para as defensas. O extremo vigués, ao ser destro, tende a meterse cara a posicións máis centradas, co que o carril esquerdo queda despexado para as irrupcións a toda velocidade de González. "Con el gañamos máis profundidade", valora Luismi.
Aínda así, o xogador debe asimilar aínda varios conceptos dunha posición na que cada vez se atopa máis cómodo. "Estar máis adiantado obrígache a traballar moito máis porque tes que replegar e volver á túa posición", explica o vigués.
"Dános moitas solucións a nivel ofensivo", insite o adestrador granate, pero no plano defensivo as conclusións que está a sacar de Álex González son tamén positivas. "Non é o seu posto específico pero cumpre dabondo, estou contento nese aspecto tamén", subliña.
O overbooking e calidade dos xogadores de segunda liña cos que conta este ano o Pontevedra (Álvaro Bustos, Pedro Vázquez, Javi López ou Javi Pazos) e a falta dun competidor polo posto de lateral esquerdo con Naveira, poden provocar que o que empezou como unha solución desesperada para dar a volta a un partido perdido, o de Ferrol, acabe converténdose na solución idónea para encaixar as pezas máis perigosas do equipo nun mesmo once.