As primeiras eliminatorias dos Campionatos de España de Baloncesto Infantil, masculino e feminino, que se están a celebrar en Marín e Pontevedra, aumentaron a emoción nas canchas de xogo.
Así sucedeu nos pavillóns marinenses coa competición masculina e tamén nas pistas pontevedresas coa feminina, onde unha das grandes atraccións da xornada estivo tamén na bancada do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Alí atopábase un dos mellores xogadores que deu o baloncesto nacional e europeo nos últimos anos, Juan Carlos Navarro, apoiando a unha das súas fillas, que xoga nun dos grandes favoritos ao título como o Barça CBS.
'A Bomba' acaparou parte da atención, sobre todo dos afeccionados e xogadoras que non se atopaban en plena competición, aterrado en Pontevedra despois de concluír a tempada oficial co FC Barcelona da Liga ACB. De feito Navarro permanecerá en Pontevedra nos próximos días mentres o Barça CBS pelexa polo título nacional.
O cadro catalán clasificouse para cuartos de final tras vencer o Ordizia, e enfrontarase agora ao Basket Almeda. Ademais despediuse o último galego en liza, o Bosco Salesianos ao caer ante Estudiantes, que xogará en cuartos ante Sant Adriá. Completan os emparellamentos Benimaclet-Canterbury e Gran Canaria-Unicaja.
En canto ao torneo masculino en Marín, os cuartos de final deparasen un interesante FC Barcelona-Joventut de Badalona como choque estelar, completando o cadro os duelos Iberostar Canarias- Inlingua FCBG, UCAM Murcia-Santa Cruz e Real Madrid-Colegio Leonés.