O Mundial de Dúatlon incluirá un open aberto para deportistas afeccionados

Pontevedra
11 de febreiro 2014

A organización do campionato decide crear unha proba afeccionado no mesmo circuíto das categoría de elite e grupos de idade. A idea é que a inscrición teña un "custo asumible" e que poida participar calquera deportista afeccionado que o desexe, sen a necesidade de estar federado

Reunión do comité executivo organizador do Mundial de Dúatlon
Reunión do comité executivo organizador do Mundial de Dúatlon / Mónica Patxot

A organización do Campionato do Mundo de Dúatlon, que se celebrará en Pontevedra os días 31 de maio e 1 de xuño, decidiu crear unha nova categoría, ademais da de elite e os grupos de idade, para abrir a proba a todos os deportistas afeccionados.

Así o decidiu o comité executivo do Mundial na reunión celebrada este martes, coa intención de que no open aberto, fixado nun principio para a mañá do domingo 1, calquera atleta afeccionado poida sentirse partícipe da competición.

A categoría popular discorrerá na modalidade sprint (5 quilómetros a pé, 20 en bicicleta e outros 2,5 quilómetros correndo) no mesmo circuíto que os duatletas elite, un percorrido "integramente urbano, parecido ao do triatlón", segundo recoñeceu o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.

A intención neste open aberto é fixar unha inscrición "cun custo asumible" e sen a necesidade de que os participantes sexan federados, aínda que este extremo aínda non se confirmou.

Ademais desta decisión o comité executivo fixou o horario das probas, que se repartirán entre o sábado 31 de maio, reservado para os deportistas elite, e o domingo 1, onde competirán os grupos de idade.

Tras a última proba, sobre as 19:00 horas do domingo, celebrarase ademais na explanada do Recinto Feiral unha festa de clausura.

En canto á inscrición, Agustín Fernández sinalou que seguen pensando na cifra de 1.200 participantes, se ben dende a Federación Española  "nos din que está sendo altísima".