Finalmente o Campionato do Mundo de Dúatlon non moverá as súas datas e celebrarase en Pontevedra os días 31 de maio e 1 de xuño de 2014, segundo o acordado na primeira reunión do comité organizador.
A coincidencia coa proba das Series Mundiais de Tríatlon en Londres espertara dúbidas na organización, pero o importante número de pre-reservas que xa se formalizaron e a intención de Javier Gómez Noya de participar en Pontevedra, tal e como trasladou o propio deportista hai unhas semanas, foron dous aspectos claves na decisión, segundo recoñeceu o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores: "cambiar a data non supoñía nada nin garantía a presenza de Javi".
A 8 meses para a celebración do Mundial os hoteis da cidade, Vigo, Poio ou Sanxenxo recibiron xa 300 reservas de deportistas británicos e ata 90 procedentes de Canadá a través de touroperadores oficiais, ao que hai que sumar os duatletas nacionais que están a planificar a viaxe pola súa conta.
Esta cifra débese a que as dúas competicións "tienen vida propia" e se dirixen a públicos diferentes, segundo entende o presidente da Federación Española de Triatlón José Hidalgo: "creo que incluso tiene más repercusión el Mundial de Duatlón que las World Series, en las que sólo compiten 75 hombres y 75 mujeres".
O presuposto da proba rolda os 400.000 euros
Hidalgo quixo agradecer a Pontevedra a decisión de "rebajar casi un 35% la cuota de inscripción para los deportistas españoles y portugueses", cun custo de participación de 100 euros polos 155 para os duatletas foráneos.
Ademais de discutir a data de celebración, o comité organizador tamén repasou o presuposto da proba, que vai roldar os 400.000 euros, e o circuíto para a competición, que incluirá de novo as rúas do centro histórico.
No comité estará representados, ademais do propio Concello, a Secretaría Xeral para o Deporte, as federacións Galega, Española e Internacional de Triatlón e o Consello Superior de Deportes. Non así a Deputación, que declinou colaborar co evento segundo confirmou o alcalde de Pontevedra.