O motor galego únese en apoio de Alexis Viéitez tras o incendio dos seus coches de competición

Cerdedo-Cotobade
11 de xuño 2019

O actual campión galego de montaña, piloto da Escuadra  Buxa Motor Poio, perdeu a pasada fin de semana no incendio os seus dous coches de competición e gran parte do seu material. A súa contorna abriu unha conta solidaria para tentar repoñerse do mazazo e seguir competindo

Alexis Viéitez na II Subida a Ponte Caldelas
Alexis Viéitez na II Subida a Ponte Caldelas / Diego Torrado

O mundo do motor saíu en apoio do piloto pontevedrés Alexis Viéitez tras o desafortunado incendio que calcinou o pasado sábado en Tenorio os seus dous coches de competición e gran parte do seu material. A pesar da intervención dos bombeiros de Ribadumia e A Estrada, nada se puido facer por salvar o tráiler, que estaba preparado para competir esa mesma xornada.

"As primeiras conclusións apuntan a que foi un curtocircuíto no tacógrafo estendéndose cara á parte baixa do camión e creando o principal foco de calor debaixo da sala", explicou a través de redes sociais o pai do piloto, Vicente Viéitez, sinalando ademais que a perda é total debido a que o seguro do camión non tiña contratado o de incendios".

O actual campión galego de montaña, piloto da Escudería Buxa Motor Poio, viu perigar o seu futuro competitivo, pero agora grazas ás mensaxes e a todo o apoio recibido empeza a ver a luz.

"Despois de tantas mensaxes de apoio recibidos xuntámonos todo o equipo e decidimos que isto non pode quedar así e imos facer o posible para que Alexis volva revalidar outro título", asegura Vicente sobre a decisión de abrir unha conta solidaria (ES37 0238 8280 1307 0020 5715) para axudar o equipo afrontar os gastos que supoñerá adquirir novo material para  interntar seguir gozando da súa paixón polo automobilismo.

A primeira achega non se fixo esperar, e chegou por parte da propia Federación  Galega de Automobilismo, que doou para a causa 1.000 euros.

"Agradeceremos calquera mínima axuda que nos poidades achegar e estaremos eternamente agradecidos por iso. Estamos atafegados con tanto mensaxe, chamada, ánimos e preocupacións de toda a xente que nos apoia", sinalan. Todo para loitar por un obxectivo, o que sería o cuarto título autonómico de montaña de Alexis Viéitez, que esta tempada sumara dous primeiros postos (Marín e Oia) e un segundo (A Saleta) que lle facían ir líder do campionato.