Pontevedra vibrou, un ano máis coa Volta Ciclista a España. A proba chegaba ás Rías Baixas e miles de afeccionados ao ciclismo acompañaron a serpe multicolor durante os 152 quilómetros da súa décimo oitava etapa, que uniu as localidades da Estrada e Meis. Prometían un grande espectáculo deportivo e non decepcionou a ninguén, especialmente coa súa final no cume de Monte Castrove.
A vitoria de etapa foi para o italiano Fabio Aru (Astana), que completou a etapa en 3 horas, 47 minutos e 17 segundos. Pero o gran protagonista foi o líder do Sky, o británico Chris Froome, que logrou arrebatar o segundo posto provisional a Alejandro Valverde (Movistar) e recortarlle 20 segundos ao líder, Alberto Contador (Tinkoff Saxo), que o avantaxa agora en 1:19. Engádese así un pouco de picante ás tres últimas etapas da carreira.
Dende que os ciclistas abandonaron A Estrada, vila dende a que saíu esta primeira etapa pontevedresa, a carreira tivo un ritmo moi rápido. Nos primeiros quilómetros formouse xa unha fuga de máis dunha decena de corredores que pronto foron neutralizados. Non houbo grandes sobresaltos mentres o pelotón atravesaba Cuntis, Moraña, Caldas, Pontecesures, Catoira ou Vilagarcía. En todas elas, os afeccionados encheron as rúas para animar os ciclistas.
Pouco antes de chegar a Cambados se formou unha nova fuga, co español Luis León Sánchez (Caixa Rural) á cabeza. O líder da montaña foi o máis rápido en coroar o Monte Castrove na primeira subida. Foi despois de que a proba chegase a Sanxenxo e Combarro e pasase pola capital. Foron apenas seis minutos por Pontevedra, onde entraron pola ponte da Barca e saíron por Domingo Fontán, tras atravesar varias rúas da zona urbana.
O equipo Movistar traballou para alcanzar os tres escapados, pero foi a actuación do Sky de Froome a que logrou acabar con esa aventura nada máis alcanzar o cume do Monte Castrove. A partir de aí, os favoritos marcáronse de preto. Tras o descenso cara a Combarro e San Xoan de Poio, aos ciclistas quedáballes por diante unha segunda ascensión ao Castrove. Sete quilómetros con ramplas que alcanzaban nalgúns puntos unha pendente do 15%.
Purito Rodríguez e Alberto Contador trataron de tensar a carreira, alentados polo número público que se desprazou ata a suba do monte, pero ningún dos favoritos se descolgou. Pero unha ofensiva de Froome a dous quilómetros e medio da liña de meta deu os seus froitos. Acompañoulle o italiano Fabio Aru que, máis fresco que o británico, aproveitou un último tirón para conseguir o seu segundo triunfo de etapa nesta Volta a España
Tras esta etapa, a xeral segue liderada por Alberto Contador, que ten agora 1:19 de vantaxe con respecto a Froome. Alejandro Valverde é terceiro a 1:32 e Purito Rodríguez, cuarto, a 2:29 do corredor madrileño.
Para este venres está prevista a segunda e última etapa da La Vuelta na provincia de Pontevedra. O percorrido, de 180,5 quilómetros entre Salvaterra do Miño e Cangas do Morrazo, é de media montaña. O pelotón afrontará dous portos de primeira categoría, o último deles, o Alto Monte Faro, a só 19 quilómetros da liña de meta.