O mítico 'Cholo' terá unha escultura no parque de Pasarón por decisión popular

Pontevedra
28 de abril 2023

A lenda do 'Hai que roelo' recibiu 645 dos 1.878 votos emitidos nesta consulta cidadá, na que o segundo posto foi para o dianteiro Nemesio Martín Montejo 'Neme', que obtivo 531, e o terceiro para Rafa Ceresuela, autor do gol que supuxo o ascenso a Primeira División en 1963, que recibiu 239

'Cholo', no ano 2013, nun acto co Pontevedra CF
'Cholo', no ano 2013, nun acto co Pontevedra CF / PontevedraViva

O mítico Eduardo Dapena Lis 'Cholo' é a figura histórica do Pontevedra CF elixida pola cidadanía para protagonizar a escultura que se instalará no parque de Pasarón trala súa remodelación.

A lenda do 'Hai que roelo' recibiu 645 dos 1.878 votos emitidos nesta consulta cidadá, na que o segundo posto foi para o dianteiro Nemesio Martín Montejo 'Neme', que obtivo 531, e o terceiro para Rafa Ceresuela, autor do gol que supuxo o ascenso a Primeira División en 1963, que recibiu 239.

Completan os primeiros postos desta clasificación o masaxista José Castro Ruibal 'O Rulo' (168 votos); os emblemáticos xogadores do 'Hai que roelo' Eduardo Chicharro Calleja (120) e Ignacio Martín-Esperanza (45), e o locutor que cantou o ascenso granate Balbino Fuentes Mora (30).

'Cholo', símbolo daquel Pontevedra CF que disputou seis campañas en Primeira División e que gañou o apodo do 'Hai que roelo' con vitorias ante o Real Madrid e o Barcelona, terá unha escultura que se instalará no novo parque de Pasarón unha vez que a Concellería de Desenvolvemento Sostible execute o proxecto de remodelación integral deste espazo. 

A figura do grande capitán do lendario equipo granate, que nos deixou hai algo máis dun ano, tamén rivalizou nesta consulta á cidadanía cos goleadores Charles, Pablo Couto e Javi Rodríguez, o ex xogador e técnico Fernando Castro Santos 'Nécora', a Señora Lola, Amador Larriba, o adestrador da base Ángel Vidal 'Gelillo', o presidente Nino Mirón, o 'Secre' José Carlos Couto ou o seareiro Rafa Córdoba. 

"Xa no apartado máis anecdótico a sondaxe deixou algunha proposta á que lle podemos presupoñer un certo ton humorístico ou cando menos sarcástico: a nosa mascota Roelio levou cinco votos; o dianteiro senegalés Libasse Guèye, un; Rafael Pintos (Wladimir Dragossán), un, e o concelleiro Demetrio Gómez, outro", segundo informou o edil Iván Puentes.

A instalación dunha pequena escultura en material metálico, pedra ou sintético, relativa a algunha figura ou personalidade destacada na historia do Pontevedra CF, está contemplada no anexo de melloras do proxecto para remodelar este parque do barrio do Burgo, duplicar a superficie destinada a xogos infantís, substituír o estanque actual por un xardín de choiva, construír unha pista multideporte e crear unha nova zona de paseo para cans.