O Pontevedra debutaba esta tempada na recentemente creada Primeira Federación e nela ía verse as caras por primeira vez con rivais cos que nunca se enfrontou en competición oficial. Nos máis de oitenta anos de historia do equipo granate, nunca pisaran Pasarón nin San Fernando, nin Alxeciras, nin Linares. O cuarto en cuestión é o Mérida, que en ningunha categoría nin en ningunha das súas dúas anteriores denominacións, visitara a cidade do Lérez.
Pasarón non é terra para novatos. Como cerimonia de benvida, o cadro granate afai quedar este ano cos tres puntos. Xa lle ocorreu a San Fernando, Alxeciras e Linares, se se cumpre a norma, o Mérida será o seguinte.
O histórico Mérida foi fundado no 1912 e desapareceu no ano 2000. Ao longo da súa traxectoria. Nunca pasara da Terceira División ata a creación, no 1977 da Segunda B, á que ascendeu en 1980 para descender unha campaña despois.
A súa época dourada comezou nos anos noventa co ascenso a Segunda e, na 94-95, o seu primeiro ascenso a Primeira División tras gañar a liga. Con todo, descenderon ao ano seguinte para regresar na 97-98, cun novo descenso e unha grave crise económica que levaría ao equipo á desaparición dous anos despois.
A remuda colleuna o UD Mérida, que xa existía baixo o nome de Mérida Promesas pero que se fusionou co extinto no ano 2000 para manterse en Segunda B ata o 2009, ano no que caeu a Terceira para non regresar nunca máis porque desapareceu no 2012. Ao ano seguinte refundouse baixo a denominación de Mérida AD, para debutar en categorías rexionais. A súa volta á categoría nacional produciuse na 2015-2016, descendeu na 17-18 a Terceira e regresou ao ano seguinte. Desde entón mantéñense na categoría de bronce do fútbol nacional, agás un ano en Segunda Federación.
En total, Pontevedra e Mérida compartiron praza en Segunda B durante 17 tempadas nas que nunca coincidiran nin en liga regular nin en fases de ascenso. Esta sábado, ás 19 horas, será a primeira vez que o equipo romano visite o feudo pontevedrés.
A vitoria dos de Juanma Barrero a pasada semana no seu estadio fronte ao Racing de Ferrol supuxo un sopro de aire fresco para un equipo que vía como a zona de descenso achegábaselle máis e máis tras un refacho de seis partidos na que só foron capaces de derrotar ao Fuenlabrada. Con 42 puntos na súa marcadora, os blanquinegros sitúanse nunha cómoda oitava posición con 8 puntos sobre os postos de descenso que marca o Linense con 34 puntos a falta de sete partidos por xogarse.
Unha derrota en Pasarón volvería colocar nunha situación de perigo ao Mérida, que precisa dúas vitorias máis para dar por confirmada a súa permanencia.
No encontro de ida, que era a primeira vez que granates e blanquinegros víanse as caras en toda a súa historia, gañou o Mérida por un cómodo 2-0.