O Mercantil acolle os primeiros partidos do cadro final no Internacional Junior de Tenis

Pontevedra
14 de outubro 2015

O bo clima permite ao torneo celebrarse nesta edición ao aire libre, deixando atrás os inconvintes que a choiva provocou nas últimas edicións  

Celia Montero durante un dos partidos do IV Torneo Internacional ITF de Tenis
Celia Montero durante un dos partidos do IV Torneo Internacional ITF de Tenis /

O IV Torneo Internacional Junior ITF de Tenis de Pontevedra encara a súa fase definitiva, tras comezar o seu cadro final.

Este mércores complétase a primeira rolda da fase final e iniciarase a segunda, con partidos que están a destacar pola competitividade e o bo tenis das novas promesas.

"É o mellor momento para achegarse a ver tenis e é que xa se están enfrontando os xogadores que demostraron estar máis en forma", explican desde a organización do torneo.

Entre os primeiros partidos destacou o papel da catalá Guiomar Maristany, pese a perder o seu partido, pero que puxo en apuros á principal cabeza de serie do cadro feminino, a húngara Panna Udvardy (6-0, 0-6 e 6-3)

A sorpresa foi a eliminación da segunda favorita, a italiana Ludmila Samsonova.

En canto á competición masculina, non se produciron sorpresas entre os principais favoritos, aínda que o cabeza de serie número un, o alemán Louis Wessels, tivo que empregarse a fondo para pasar á segunda rolda.

Pola súa banda un xogador galego conseguiu avanzar no torneo, e é que Rafa Izquierdo gañou ao xermano Jannik Giesse (6-4 e 6-3). Non tivo tanta fortuna o vigués Tomás Currás.