O Memorial Valenciaga reactiva a Copa de España de ciclismo medindo as opcións do Froiz

Pontevedra
08 de abril 2021

O ciclista do conxunto alimenticio Pablo Alonso, quinto da xeral tras a primeira proba puntuable, busca na prestixiosa carreira vasca consolidarse como aspirante ao título

Ciclista do GD Supermercados Froiz
Ciclista do GD Supermercados Froiz / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Case un mes despois, debido a aprazamentos como consecuencia da situación sanitaria, a Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo volve botarse á estrada. Faino ademais cunha das probas máis prestixiosas do calendario, o Memorial Valenciaga que organiza o o Club Ciclista Eibarrés no País Vasco e que chega á súa 50 edición.

Alí estará, o vindeiro domingo 11 de abril, un Grupo Deportivo Supermercados Froiz que ten como gran reto do ano unha Copa de España que se lle resiste pero na que comezou con bo pé, situando a Pablo Alonso na quinta posición da xeral e a Santiago Cadavid na 12ª.

O obxectivo no Valenciaga será por tanto tentar consolidar a posición do seu ciclista como un dos aspirantes ao título. Agora mesmo, con 60 puntos, sepáranlle outros 60 do actual líder, Marc Brustenga (Caja Rural).

Alonso será o xefe de filas do Froiz no Valenciaga, acompañado de Ramón Fernández, Nicolás Antorena, Diego Cano, Louis Bilyard, Miguel Mera e Santiago Cadavid.

Por diante o pelotón de ata 175 ciclistas terá que afrontar 153 quilómetros dun esixente percorrido, con subidas a Itziar, Aia, Ixua, San Miguel e a definitiva a Usartza, en Arrate.

O Froiz rozou en 2019 a vitoria nesta prestixiosa proba con Diego Noriega (segundo), e aspira a facerse coa súa segunda Valenciaga (gañouna en 2006 con David Rodríguez). Palabras maiores vendo un palmarés no que figuran grandes nomes do pelotón profesional das últimas décadas como Óscar Freire, Chechu Rubiera, Mikel Neve ou Joaquim 'Purito' Rodríguez. Ao podio subíronse ademais a outros grandes ciclistas como Richard Carapaz (segundo en 2016), Andrey Amador (segundo en 2008), Juan Antonio Frecha (segundo en 1999) ou Iban Maiy (terceiro en 1999), entre outros.