Conta atrás para a primeira edición do medio maratón 'Entre Rías', que o vindeiro domingo 19 de maio unirá as localidades do Grove e Sanxenxo.
A proba deportiva foi presentada oficialmente este luns na contorna da Ermida da Lanzada coa presenza dos alcaldes de Sanxenxo e O Grove, Telmo Martín e José Cacabelos, ademais de Serafín Martínez como representante da organización.
Tal e como explicaron a cifra de participantes para a estrea do medio maratón 'Entre Rías' roza o milleiro rexistrados. "A aceptación para ser o primeiro ano foi brutal. As expectativas que tiñamos eran moi altas e vanse cumplir", asegurou Martinez.
Os corredores teñen prevista a súa saída o día 19 ás 10.30 horas desde a Praza do Corgo do Grove, para entrar primeiro pola Illa da Toxa e despois dirixirse a Sanxenxo pasando pola praia da Lanzada antes de terminar o seu percorrido no porto deportivo de Sanxenxo.
Ademais da carreira de 21 quilómetros ás 11.30 horas darase a saída desde a Ermida da Lanzaza a unha proba de 10 quilómetros, compartindo o tramo final do percorrido.
"A colaboración e o entendemento entre dous concellos con gran relevancia turística como O Grove e Sanxenxo nun proxecto tan interesante como este que está chamado a consolidarse no tempo", sinalou na presentación o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
Pola súa banda para José Cacabelos "trátase dun evento deportivo que se vincula ao atractivo turístico da zona e a este espazo xeográfico", polo que "vai ser unha fin de semana importante para O Grove e Sanxenxo".
A programación complétana, o sábado 18 a partir das 17.00 horas, probas infantís no Grove para nenos e nenas de ata 13 anos de idade.