Fora anunciada como a proba estrela do primeiro Tour Running Rías Baixas, pero finalmente non estará incluída no circuíto de carreiras populares impulsado pola Deputación Provincial.
O medio maratón entre O Grove e Cambados si se celebrará, ou esa é a intención dos organizadores, pero farao de xeito independente. Así o confirmou o servizo de Deportes da Deputación, institución que aposta por esta carreira como elemento de promoción da zona.
Con aspectos aínda por perfilar para a súa primeira edición, que unirá ambas as dúas localidades percorrendo a costa da ría de Arousa, pénsase no día 28 de setembro como data para a súa celebración.
O lugar do medio maratón no Running Rías Baixas ocuparao o XLI Trofeo Pedestrismo Concello de Cangas o día 7 de decembro, cunha proba de 10 quilómetros que chegará ata Aldán.
Antes, o día 20 de xullo será quenda para a segunda cita do circuíto, a Carreira Popular Carneiro ó Espeto de Moraña, cun percorrido de 8.000 metros que sucede no calendario á xa disputada Erocidade 10 entre Tui e Valença.