O Medio Maratón de Pontevedra abre inscricións para a súa edición de 2021

Pontevedra
13 de setembro 2021

A proba disputarase o próximo 17 de outubro cun máximo de 600 atletas na carreira longa e de 400 máis na proba de 10 quilómetros que completa o evento

Participantes no XXV Medio Maratón de Pontevedra
Participantes no XXV Medio Maratón de Pontevedra / Cristina Saiz

Empeza a conta atrás para o XXVI Medio Maratón de Pontevedra, que se disputará o domingo 17 de outubro.

A organización da proba, a cargo da Sociedad Gimnástica co apoio do Concello de Pontevedra, abriu este luns as inscricións, con 1.000 prazas dispoñibles a repartir entre o percorrido completo de 21,1 quilómetros (600 prazas) e a proba de 10 quilómetros que completa o evento (400 participantes).

O primeiro prazo de anotación, ata final do mes de setembro, contará cunha cota de 20 euros para o medio maratón e de 10 euros para a carreira curta, prezos que subirán despois 5 euros ata o peche de inscricións ás 23.59 horas do día 8 de outubro.

A  incripción pode formalizarse na páxina web oficial da carreira.

Do mesmo xeito que na anterior edición, na que foi unha proba atlética piloto co seu protocolo anti-covid, a pandemia condiciona o medio maratón obrigando a realizar saídas repartidas en 10 quendas de 100 deportistas cada un, con tres minutos de diferenza.

O percorrido, que nesta ocasión non estará homologado, partirá como é habitual, da Ponte dos Tirantes cara á Avenida de Bos Aires para seguir pola ponte de Santiago, Rafael Areses e Alexandre Bóveda, onde se virará 180 graos volvendo cara á ponte de Santiago, Bos Aires dirección Marín, Avenida de Uruguai, travesía Galera, Arcebispo Malvar, Praza de España, Marqués de Riestra, Oliva, García Camba, Peregrina, Odriozola, Soportais, Curros Enríquez, rúa Real, praza Celso García da la Riega, Valentín García Escudero, de novo Avenida de Bos Aires, Padre Gaite, Fernando Olmedo e CGTD seguindo por José Malvar e Bos Aires cara a Monte Porreiro para virar e volver cara á ponte dos Tirantes na primeira volta ou ás pistas do CGTD no final da carreira.