O Pontevedra Club de Fútbol, tras dúas xornadas seguidas gañando, prepárase para recibir oMarino de Luanco este domingo no Estadio Municipal de Pasarón (17:00 horas).
"Cando se gaña, a semana lévase doutra maneira", afirmou o técnico granate, Yago Iglesias, quen destacou que volver sumar de tres esta fin de semana e nunha liga tan complexa supón "dar un salto na clasificación e encarar os seguintes partidos noutra dinámica".
Respecto ao Marino de Luanco, Iglesias recoñeceu que é un equipo veterano con xogadores con experiencia e pasado no fútbol profesional, o que os converte nun rival "para ter en conta" a pesar dos seus recentes dous empates e unha derrota nos últimos encontros. "O que expoñen é moi bo, poñeránnolo difícil tanto a nivel individual como colectivo porque saben xogar este tipo de partidos", engadiu.
Coas análises do rival xa realizado, o Pontevedra traballou esta semana en función do que quere que sexa o partido e en axustar eses pequenos detalles que lle fan crecer día tras día. "Non imos descubrir nada do que queremos ser, pero entendemos eses pequenos axustes en formas de conseguir contrarrestar ou poder competir contra distintos rivais e enfrontarnos a distintas situacións", explicou o técnico.
Por iso este domingo o equipo granate buscará "seguir co equilibrio" que mostrou a pasada fin de semana en Langreo, onde o equipo disputou un partido "moi completo". De feito, o que máis valora Yago Iglesias é a portería a cero contra un rival e nun campo complicado, resaltando a importancia de "crecer en ser un equipo sólido sen perder a idea de levar iniciativa", defendeu.
É en Pasarón "onde estamos a ser o equipo que queremos ser. Cando xogamos na casa sentímonos arroupados, os xogadores están cómodos coa afección axudando. Este será un partido máis para que entre todos saquemos tres puntos adiante e sigamos mirando cara arriba", destacou o técnico, quen espera "ter máis acerto que o día do Fabril e non esperar a que soa a bucina".
Para este partido, Yago Iglesias recupera a Yelko Pino, quen xa cumpriu sanción tras a expulsión contra o equipo herculino, pero seguirá sen poder contar con Héctor Hernández e Javi Fontán, que están "a evolucionar favorablemente e facendo aos poucos o seu traballo para estar canto antes co grupo. Os prazos son dos servizos médicos", concluíu.