O Marín Peixegalego lanza unha campaña exprés de abonados a prezos reducidos

Marín
06 de setembro 2024

Baixo o lema "Ti na bancada, nós na cancha", o club marinense apela ao empuxe da afección en cada partido para que sexa "un factor crave neste novo reto que afrontamos. Todo o que necesitamos é o voso apoio incondicional, porque xuntos somos máis fortes"  

Partido entre Peixe Galego e Granada na Raña
Partido entre Peixe Galego e Granada na Raña / Diego Torrado

O Club Baloncesto Marín Peixegalego inicia a súa campaña de abonados para a nova tempada.

Baixo o lema "Ti na bancada, nós na cancha", o club marinense apela ao empuxe da afección en cada partido para que sexa "un factor crave neste novo reto que afrontamos. Todo o que necesitamos é o voso apoio incondicional, porque xuntos somos máis fortes".

Para iso, desde o Peixegalego lanzarán unha campaña exprés para todas aquelas persoas que queiran adquirir o seu abono a un prezo reducido antes do día 9 de setembro. O día 10, o prezo dos abonos incrementará en 5 euros.

Neste sentido, as renovacións dos abonos individuais das persoas maiores de 18 anos custarán 30 euros, o abono familiar terá un prezo de 50 euros e o carné novo (de 14 a 17 anos) será de 10 euros. Os xogadores, adestradores e menores de 14 anos non pagarán. No caso das novas altas, as individuais custarán 35 euros e as familiares, 60 euros.

Así mesmo, as persoas maiores de 18 anos con algún tipo de discapacidade terán un desconto de 20 euros e as menores terán o acceso gratuíto ao recinto.

A tramitación poderá facerse a través da aplicación 'Cluber' ou da web do Peixegalego.

RENOVACIÓN DE JACOBO DE BENITO

O club marinense anunciou este venres que Jacobo de Benito continuará un ano máis no club e cumprirá seis tempadas nas filas do equipo.

Trátase dunha das renovacións máis esperadas ao tratarse dun xogador "moi vinculado co club" como adestrador nas categorías de formación e como xogador.

Jacobo destaca "pola súa intensidade na cancha e a polivalencia" ademais de atesourar un gran coñecemento na categoría con 11 tempadas entre Marín e Chantada.