O Marín Futsal cedeu este sábado na segunda xornada de liga fronte ao Atlético Torcal, que fixo valer a súa pegada ao contragolpe para sumar os seus primeiros puntos en liga.
Tras un primeiro tempo igualado, Afri estreou o marcador aos catro minutos do segundo acto. Valeria buscou en longo á súa compañeira, que peiteou o esférico de costas á portería defendida por Patri Arruti e adiantou ás súas.
Buscou a reacción o Marín, pero un erro en ataque supuxo o segundo tanto do cadro local. Melissa Jaimes roubou o balón en metade de cancha, plantouse diante de Arruti e superouna no man a man para ampliar a renda local.
Púxose o partido costa arriba para o cadro marinense, pero non baixou os brazos e apostou polo xogo de cinco. Con todo, o terceiro do Atlético Torcal non tardou en chegar tras unha gran transición ofensiva. Valeria cedeu a Afri á esquerda e esta asistiu a Tamiris para subir o 3-0.
O Marín Futsal continuou buscando o gol e logrou marcar a falta de dous minutos para o final, cun gran disparo cruzado de Miriam, que puxo o 3-1 co que concluíu o encontro.
Consulta a acta nesta ligazón