O Marín Futsal segue esfollando a margarida: Ceci renova e Mar di adeus

Marín
12 de xullo 2022

Coa renovación da pívot internacional marinense, o club de Raña conta xa con nove futbolistas confirmadas para a que será a súa segunda tempada na máxima categoría

Ceci, no partido de liga na Raña entre Marín Futsal e Roldán
Ceci, no partido de liga na Raña entre Marín Futsal e Roldán /

O segundo proxecto do Marín Futsal na Primeira División do fútbol sala nacional avanza con paso firme.

O club marinense confirmou a renovación dunha da súa xogadoras insignia, a local Cecilia Puga 'Ceci'.

A pívot internacional continuará unha campaña máis na Raña. "É un dos piares do equipo e coa súa calidade e os seus goles foi determinante para alcanzar o gran resultado desta tempada histórica", recoñece o Marín Futsal.

"Ceci é desas xogadoras que custa atopar, con calidade e moita personalidade dentro da pista. A súa renovación é algo que a directiva do club tiña marcado como unha prioridade", asegura a entidade do Morrazo.

Con ela son xa nove as futbolistas confirmadas para a próxima tempada na máxima categoría, xunto á fichada Ale de Paz e as tamén renovadas Marta Gago, Inés Mayán, Café, Silvia Aguete, Pau García, María León e Adriana García.

A que non seguirá no equipo é Mar, que "se vai despois de moitas tempadas no club, sendo unha xogadora importante, sobre todo nas tempadas en Segunda División", explicou o Marín Futsal.