O Marín Futsal regalou un punto ao Alcantarilla este sábado, desaproveitando os dous goles de vantaxe que conseguiu na primeira metade por medio de Carolina e Mayara. Ao fío do descanso Lydia González reduciu distancias e a falta de cinco minutos para a conclusión Elisabet Carrasco asinou o empate.
Nada máis comezar o encontro puxo de fronte o partido para as marinenses, que tras unha dobre ocasión de equipo local, púxose por diante. Non pasaran nin 30 segundos e tras unha boa combinación, Carolina, desde a esquerda, bateu por baixo á gardameta local para facer o 0-1.
Quíxose repoñer tras o golpe o Alcantarilla, pero o Marín fixo os deberes en defensa e aguantou cada chegada do rival. Ademais, no minuto sete o colexiado pitaba unha falta a favor do equipo adestrado por Ramiro Díaz e Mayara, de disparo directo, superaba a barreira e subía o 0-2 ao marcador.
Tentaron as visitantes ampliar a súa renda, pero a falta de pouco máis de tres minutos para o descanso, Lydia fíxose co esférico despois de dar na madeira e a porta baleira marcou o 1-2 co que se alcanzou o intermedio.
Despois do paso polos vestiarios o Marín perdoou en cada chegada a portería local e foi incapaz de aumentar a renda. O equipo murciano, pola súa banda, xogou mellor as súas cartas e aproveitou un erro nunha saída de balón. Elisabet interceptou o pase, fixo unha parede con Lydia, quedou soa diante de Patri Arruti para anotar o 2-2 e rescatar un punto.