Segunda fichaxe do Marín Futsal para a próxima tempada, e de novo cunha futbolista que o gañou todo co Burela Pescados Rubén.
Á xa confirmada Ale de Paz uniuse agora Bea Mateos.
"Chega para reforzar o plantel e dar un salto de calidade e experiencia ao equipo", asegura o Marín Futsal sobre a súa nova xogadora.
"Coa súa incorporación, o equipo gaña experiencia e calidade para seguir crecendo e poder loitar por mellorar os xa bos resultados da última tempada", explica o club da Raña.
Con Bea Mateos pasan a ser xa dez as futbolistas do Marín Futsal confirmadas para o seu próximo proxecto na Primeira División, xunto á tamén fichada Ale de Paz e ás renovadas Ceci, Marta Gago, Inés Mayán, Café, Silvia Aguete, Pau García, María León e Adriana García.