Sorpresa na Raña! O Marín Futsal gañou o seu primeiro 'derbi da ría' grazas a un solitario gol de Patri Corral aos 20 segundos do segundo tempo e a unha impenetrable Patri Arruti baixo paus que frustrou todas as ocasións do Poio Pescamar.
E iso que comezou como cabía de esperar o encontro, con dominio do equipo consevero cunha presión alta que desbarataba calquera intento de xogo do Marín. Aínda que a primeira en probar fortuna entre os tres paus foi Patri Corral aos catro minutos de xogo, foron as vermellas quen controlaba a posesión e obrigaban ao Marín a esforzarse en tarefas defensivas.
De feito, o conxunto marinense estaba a salvarse dunha goleada grazas a unha inmensa Patri Arruti, que desbarataba todos e cada un dos intentos dun Poio Pescamar que insistía unha e outra vez, pero non atopaba a maneira de abrir o marcador.
Ante ese vendabal ofensivo por parte das visitantes, More parou o tempo cando se cumprían o primeiros oito minutos de xogo co obxectivo de frear o ritmo do rival. Reaccionou o Marín ao momento e avisou por medio de Carolina Bravo, e acto seguido foi López-Tulla o que pediu tempo morto para reaxustar ás súas xogadoras.
Nesta ocasión foi Candela a que tivo unha dobre oportunidade para abrir o marcador. Tentouno Irene García, e despois Laura Uña cunha gran volea que, como non, desbaratou Patri Arruti.
Quedaban cinco minutos para que se alcanzase o descanso e foi Elena nesta ocasión a que salvou os mobles ao seu equipo. A gardameta saíu ata o medio campo para evitar o man a man ante Morgana, o balón caeu nos pés de Café, que buscou portería, pero a porteira desviou o disparo coa cabeza.
O partido estaba a ser de ida e volta e podía inclinarse a favor de calquera, pero as gardametas mantivéronse firmes baixo paus e evitaron que o marcador se movese durante o primeiro tempo.
Ao comezar a segunda parte, tras apenas 20 segundos, chegou a sorpresa. Patri Corral disparou desde practicamente o medio campo, o balón rozou na defensa conserveira e coouse no interior da portería de Elena, que nada puido facer para detelo.
Tentou reaccionar o Poio, pero Patri Arruti non estaba disposta a que derrubasen o muro que construíra. Laura Uña, Irene García, Ale de Paz... Ningunha era capaz de bater á porteira rival, que sen dúbida se converteu na MVP do partido.
Esgotábase o tempo para o equipo de López-Tulla e, a falta de cinco minutos para a conclusión, optou por xogo de cinco con Martita como porteira xogadora. A pesar das boas triangulaciones en campo contrario, o Poio non foi capaz de superar a sólida defensa dun forte Marín que aguantou ata o final para levar o gato á auga e lograr a súa primeira vitoria nun Derbi da Ría.
Consulta a acta nesta ligazón