Por sétimo ano consecutivo o Mareantes Rugby Clube Pontevedra pon en funcionamento a súa escola deportiva dedicada dende 2005 á captación, formación e desenvolvemento de novos xogadores co obxectivo de que os máis pequenos aprendan, mentres se divirten, os valores do rugby nun ámbito familiar e próximo.
A escola de rugby do Mareantes nace no ano 2005 como escola de club, adquirindo en 2008 o carácter de escola municipal deportiva baixo o soporte do Instituto Municipal de Deportes. Dende o seu inicio, o Mareantes investiu gran parte do seu esforzo en formar monitores a través dos cursos impartidos pola Federación Española de Rugby, que complementan e certifican a súa formación académica e deportiva para ofrecer logo aos mozos unha experiencia á súa altura.
Este ano, e con motivo do 25 Aniversario do Mareantes, o club pontevedrés deu un paso máis para consolidar a estrutura da escola, reforzándoa coas incorporacións de cinco novos monitores, que sumados aos catro xa existentes dotarana de maior capacidade e organización por categorías. Dende esta edición a escola pasa a denominarse "Boa Vila" co fin de identificala máis aínda con Pontevedra.
Ademais da colaboración da concellería de deportes, a través do IMD, a escola contará tamén coa axuda da Deputación de Pontevedra que cede as súas instalacións. Comezará o próximo sábado, acollendo nenos entre os 6 e 16 anos e celebrarase os luns, de 18,30 ata as 20,00 no campo de rugby de Monteporreiro, e os sábados de 10,30 a 12,30 no campo da cidade infantil Príncipe Felipe.
O Mareantes disputa o último amigable previo ao comezo ligueiro enfrontándose en Monteporreiro a Os ingleses
Partido amigable
O primeiro equipo do Mareantes RCP, afronta xa a recta final da pretempada coa disputa do seu último partido preparatorio a dúas semanas do debut ligueiro. O conxunto blanquinegro recibe o sábado, ás 16,15, no campo de Monteporreiro, a visita do equipo de Vilagarcía Os Ingleses R.C., un dos favoritos para conseguir o título ligueiro da 1ª División da Liga galega na presente tempada.
Recordemos que o equipo vilagarciano recala na 1ª División Territorial despois de que o grupo A de División Nacional fose "desmantelado" co ascenso do CRAT a División de Honra B e as renuncias de diversos equipos a participar nunha competición descafeinada.
Os pontevedreses veñen de perder o pasado 15 de setembro por 12 a 17 nun apertado choque contra o Lalín, nun amigable que puxo en evidencia numerosos desaxustes froito da pouca rodaxe do conxunto, erros que o técnico Raúl Varela tratará de corrixir neste partido fronte a un equipo que esixirá un nivel superior de orde e concentración.